-Canto baixou coa reordenación e a peonización o tráfico na Mariña na primeira semana?

-Nas semanas previas á apertura do túnel do Parrote e á limitación do tráfico os datos dicían que a intensidade media diaria era de 12.000 coches, 6.000 en cada sentido. Agora estamos en valores de 2.500 ao día, uns 1.200 por sentido.

-Darlle tanto espazo agora aos peóns é ao mesmo tempo moito castigo aos coches privados?

-Toda restrición de uso é unha penalización. Creo que todos concordamos en que esta zona é a postal da cidade e a maior parte da xente entendía que necesitaba outro tratamento. Se cadra non é o que a nós nos gustase? Non o faríamos dese xeito, pero a inversión está feita e agora é de cordura darlle valor.

-Podería non aproveitarse ben ese gran espazo peonil?

-Non o pensamos. Hai outros exemplos noutras cidades con grandes espazos para a xente. Esta zona ben merece ter espazo de sobra para actividades das persoas. Mais é certo que a zona necesita un pequeno grao de humanización. En canto sae sol a xente fuxe.

-Coa eliminación do tráfico desaparece tamén moita circulación nos Cantóns, onde hai seis carrís. Que accións concretas fará o Goberno local nese espazo?

-Ese é un espazo de oportunidade e a curto prazo hai que recuperalo. Para que? Hai que pechar e confinar ese espazo e pensar iniciativas que teñan que ver coa cultura e a festa para facer nun primer momento. Non quero adiantar cousas, pero queremos plantexar tres diferentes escenarios nesa zona. Trataremos de que os vehículos circulen só por un carril de ida e outro de volta, e os demáis estarían pechados aos coches. Vai a seguir habendo tráfico, pero se lle destinará o espazo estritamente necesario desde a praza de Mina ata a Autoridade Portuaria, porque a única rúa que introduce tráfico é Santa Catalina.

-Os cambios enchen outras rúas de coches. Imos por partes: rúa Nova, que é estreita, cun paso peonil de moito tránsito.

-Existe unha clasificación do viario e rúa Nova, como pasa con Entrexardíns, está destinada a ter tráfico residual, o que implica que non se vai a convertir nunha vía para axilizar o tráfico na zona. Será unha rúa como a de agora ou máis difícil para circular. A súa evolución é para abrandar o tráfico.

-San Andrés atrae moitos coches que van cara Monte Alto. Estes días ten moito tráfico. Vai ser das rúas máis danadas?

-Sofre a búsqueda de itinerarios, é natural o aumento de tráfico. Pero vai seguir co proceso de abrandar. De feito hai prevista unha actuación de Infraestructuras entre a igrexa castrense e rúa Nova que seguirá unha liña semellante de pacificación do tráfico feita hai dous anos na mesma rúa. O que vaia a ir por San Andrés vaise sentir máis incómodo. A velocidade vai diminuir, tamén o ruido, mais será unha zona máis cómoda.

-Entón o paseo será a vía máis chea de turismos?

-A configuración da rede diaria é a que é, e desde a apertura dos túneles pasa porque a maior parte do tráfico se canalice polo litoral.

-A praza de Ourense ten máis tráfico. Que se vai facer, tendo en conta que hai un mes descartaron o xiro á avenida do Porto vindo desde a avenida de Arteixo?

-É sen dúbida o nó máis complexo que ten a cidade e agora se complica. Solución? Plantexamos varias. As rotondas teñen solución para nós complexos de dúas vías cando unha ten máis tráfico ca outra. Cando funcionan mal é cando hai moitos fluxos, como neste caso, que xeneran moita confluencia porque non hai tempo para facilitar o paso de todos. Pensamos en dispor unha rotonda semaforizada ou resolver o cruce doutro xeito. Non podemos dicir agora como.

-Toda esta concentración de tráfico no centro vai a afectar á implantación do carril bus que o Goberno local quere recuperar?

-As causas que poderían retrasar a súa recuperación son outras. No pleno da aprobación inicial de orzamentos a oposición se deu a man e tocou partidas. No caso de mobilidade tocaron a máis sensible, para executar estudos para proxectos técnicos, entre os que está o carril bus. É unha reducción brutal na emenda do PSOE, que reclama un plan de mobilidade máis ambicioso. Dunha partida de 125.000 euros pasamos a outra de 60.000.

-Os cambios na Mariña cambiarán as liñas do bus urbán ou atraerán novas?

-O que se quere abordar é o contrario. Pola Mariña pasan nove liñas, a maior proba de que o mapa de rutas é pouco práctico para Tranvías e para os usuarios. Hai buses que pasan cada pouco tempo con cinco viaxeiros. O sentido da restruturación é que pasen menos liñas de bus, o que non quere dicir que pasen menos buses, senón que haxa máis frecuencias.

-Bicis e motos poden pasar pola nova Mariña?

-Bicis sí, por calquera zona, é dicir, calzada e parte peonil con máis de tres metros de ancho. As motos non poden circular.

-Que lle di aos hostaleiros e repartidores que se queixan polo horario de reparto na zona?

-Penso que eles saen gañando. Estase a recuperar unha zona que cambiou en canto ao aproveitamento do espazo, con menos sensación de ruido e máis desafogo. Conservar isto ten unhas consecuencias, pero deberían ser asumibles por todos. En calquera cidade con zona de paso restrinxido hai horarios concretos que en calquer caso son máis restritivos que os que damos aquí, de 06.00 a 11.00. É cuestión de organizarse porque comercio e hostalería saen gañando.

-Que lles preocupa cos cambios aos veciños da Cidade Vella?

-O que máis é que pensaban que había restricción ao tráfico e non é así. Podese circular hoxe, non está restrinxido, só hai cuestións puntuais por vados ou por zonas de uso militar ou hotelero xa resoltas.

-Se lles preocupaba o paso de coches, non semella entón que non urxa a peonización na zona?

-Parte dos veciños teñen certa urxencia, parte non. Deberíamos camiñar cara unha solución que erradique os vehículos da zona histórica. Somos dos poucos exemplos en Galicia que non o conseguiu.

-Mais a peonización non se fará ata o ano que vén.

-A peonización semella moi simple pero non o é. O único problema que teñen os veciños é saber que se fai cos coches. Agora é máis complexo sabelo, xa que se perderon oportunidades polo camiño, como as parcelas de Defensa pechadas na Maestranza. Sei que os plans de peonización do anterior Goberno pasaban polo uso deses terreos como aparcadoiro e aí agora mesmo non temos opcións.

-O grupo popular critícalle a falta de información dos cambios. Informouse ben?

-Estamos meridianamente contentos co plan de información. Tamén hai un dispositivo policial informativo ata o final desta semana. Nas charlas cos axentes eles me din que na última semana a xente da cidade xa non vai cara a Mariña en coche; o gran problema é canalizar a información cara os veciños da comarca que veñen á cidade e usan o itinerario que xa coñecen.

-Fixéronse cambios con respecto ao plan do PP?

-Sustancialmente non hai marxe para cambios con respecto ao que había. Eles propoñían o mesmo que se fixo aquí, unha restrición de tráfico para evitar que por diante de Porta Real circulase un número elevado de coches. Pode haber diferencias en canto a facer a labor de control, xa que eles pensaban instalar cámaras controladoras de matrículas nos dous extremos.

-E o Goberno local non as pensa utilizar?

-O PP puido deixalo zanxado. No predeseño da estratexia de Smart City un dos pilotos era o de xestión de tráfico, que contemplabra o uso de cámaras ZPR [zona peonil reguladas]. Fixeron ese deseño de forma allea ás obras da urbanización da Mariña e ese piloto ten unha fase na auditoría na que ten que cumplir a raxatabla a ubicación física da proposta. O PP plantexou ZPR nunha zona do ámbitos Pepri e están vencelladas a rúas peonís, non aos límites da Mariña. Nós, baixo recomendación dos funcionarios que executaban o piloto, non podiamos sacar esas cámaras fóra de onde xa estaban.