Hai artistas para os que o transcorrer do tempo é un incentivo á hora de realizar unha recopilación das súas obras ao longo dos anos, de xeito que poidan amosar unha evolución na súa labor creativa. Este é o caso de Fermín Encinar, un artista cuxa obra pictórica Sic fugit vita permanecerá exposta na Casa Museo Casares Quiroga (Panaderas, 12) ata o próximo 15 de maio.

Encinar, quen describe esta exhibición como "unha escolma de vinteunha obras elaboradas desde o ano 1990 ata o 2015", apunta que a selección do título que as engloba, fai referencia "ao paso fuxitivo pola vida", concebindo o tempo coma "unha besta que non perdoa, aínda que homes pensen que vivirán eternamente".

Sic fugit vita está formada por pezas heteroxénas, entre as que destacan as paisaxes e os bodegóns, e que amosan a influencia que tivo o paso dun cuarto de século no devir estilístico do seu autor. Sobre a diversidade que presentan os cadros expostos, Encinar indica que "os espectadores que visiten esta mostra e controlen un pouco de pintura, pensarán que as obras pertencen a tres pintores polo menos", engadindo que "en máis de dúas décadas, hai tempo para levar a cabo obras moi variadas, e todas as persoas que se dedican a pintar fanas, outra cousa é que finalmente se expoñan".

Esta variedade inclúese, así mesmo, nos seus referentes artísticos. Para describir as súas influenzas, Encinar fai súa unha frase da pintora rusa Natalia Goncharova: "En pintura, todo o anterior a min é meu". Entre os expoñentes que deixaron unha pegada nas súas creación, o artista menciona, entre outros, a "Picasso, Isaac Díaz Pardo ou Luis Seoane".

Lonxe de focalizar a súa faceta creativa na pintura, Fermín Encinar traballa como actor de doblaxe, una actividade que afirma realizar "co mesmo rigor que require a labor pictórica". Todas aquelas persoas que desexen acudir á exposición poderán facelo de forma gratuita de martes a sábado en horario de 10.30 a 14.00 e de 17.30 a 20.00 horas, e os domingos e festivos de 10.30 a 14.00 horas.