Antonio Manuel Fraga é un enxeñeiro con alma de escritor, eumés de nacemento e coruñés de adopción, e con dous galardóns literarios, o Antón Risco e o Merlín, ás súas costas. Fraga presentará esta tarde ás 19.00 horas en FNAC a súa última novela Tártarus no marco da celebración do Día do Libro.

-¿Cómo xurdiu a idea de escribir Tártarus?

-Xurdiu en Cuba, nunha viaxe que fixen no 2013. Na illa collín moitos elementos que despois aproveitei no desenvolvemento desta historia. Por exemplo, a descrición das barriadas máis populares que hai en Tártarus, onde vive a comunidade máis favorecida dese mundo. Collín elementos de cidades que visitei, coma Santa Clara, Morón ou La Habana, desde a exultante vitalidade dos seus habitantes até o tráfico caótico de todo tipo de vehículos. A creación do mundo máxico foi un exercicio máis de imaxinación.

-¿Está Tártarus inspirado nalgunha outra obra?

-Está moi condicionado polo libro La historia interminable, que me fascina e me turba a partes iguais. Hai elementos que concordan e non son casuais, coma relación entre unha persoa maior e outra máis nova, ese acceso a un mundo máxico a través dunha historia, aínda que en La historia interminable estea plasmado nun libro e aquí nunha narración oral.

-Licenciouse en Enxeñaría e traballou nesta disciplina, ¿cando comezou o seu interese por escribir novelas?

-Sempre escribín como afeción desde neno. Cando quedei no paro, tiven moito máis tempo para escribir. A xente que coñecía do meu gusto pola escrita animoume a que profundizase un pouco máis nel. Cando naceu a miña sobriña, quixen adicarlle o meu primeiro libro, así que empecei a escribir un pequeno conto e, como me gustou a experiencia, amplieino ata dar lugar a Xildas, e a partires de ahí decidín continuar na literatura infantil e despois xuvenil.

-Gañou o premio Antón Risco e o Merlín. O feito de presentarse a este tipo de certames, ¿anima na labor creativa?

-Vexo os premios coma unha lotería absoluta. Se tocan é xenial, porque son un empurrón para publicitar os libros, pero primeiro trato de illarme facer algo que como lector me gustaría ler.

-¿Que debe ter unha historia para lograr atraerlle?

-Algunhas conseguen atraerme polo contido, esas que non podes deixar de ler até devorar a derradeira páxina. Outras, pola contra, poden facelo polo continente. Gózanse máis devagar, non só polo que contan senón polo xeito de facelo.

-Obras ou autores que lle inspiren á hora de escribir historias.

-No ámbito da literatura xuvenil, ademais de Michael Ende, está moi presente a obra de Roald Dahl. Gústame tamén ler as cousas que se fan na literatura xuvenil galega. Ademais dos clásicos como Agustín Fernández Paz, hai unha nova fornada de escritoras como Ledicia Costas, Andrea Maceiras, Érica Esmorís ou Sabela González, con talento a esgalla e moito que dicir. O cinema tamén está moi presente. Ás veces fago unha cousa un pouco parva, o "test Miyazaki". Para xulgar se a idea dunha historia é boa, penso se Miyazaki estaría disposto a facer un filme con ela. Se a resposta é si, a cousa vai adiante.

-Como xurdiu a idea de incluir a música do DJ Micha? Kamac na presentación do libro?

-A música ten moitísima importancia en Tártarus. Dúas das protagonistas son mestra e alumna de música. E a heroina da historia fantástica, comeza a súa aventura acudindo clandestinamente a un concerto nun barrio pobre da cidade. Micha? é amigo meu, así que decidín aproveitar o seu bo facer para introducir a música na presentación. Acompañarame na lectura dun fragmento da obra, no que se describe un concerto, introducindo distintos efectos e músicas. Estou seguro de que faremos algo especial.

-¿Ten algunha outra novela en marcha?

-Agora estou a escribir unha historia destinada ao público infantil. Por desgraza non teño todo o tempo que me gustaría para escribir con continuidade, mais pouco a pouco vou avanzando con ela. Coido que teño bos vimbios para facer un cesto fermoso. Agora só falta que lle corresponda a miña habilidade como cesteiro.