O director de EAPN-Galicia Rede contra a pobreza, Xosé Cuns Traba, foi un dos convidados este xoves nas Xornadas Sen Teito que se organizaron no centro cívico de Labañou. Ao seu xuízo, a mellora dos indicadores macroeconómicos non está a reportar beneficios entre os colectivos máis vulnerables que, ademais da privación material, son víctimas dos prexuízos asentados na sociedade.

-En canto ao número de persoas sen teito, percíbese esa suposta saída da crise?

-Non, todo o contrario. En España, a situación de pobreza e da exclusión afecta a case o 29,2% da poboación, mentres que en Galicia o índice é algo mellor e chega ao 23,8%. Porén, o que si comparten é a tendencia á alza do número de persoas cunha privación material severa, é dicir, os que peor están. En Galicia estamos case no 5,5% da poboación, o que supón case 151.000 persoas, 30.000 persoas máis con respecto ao ano anterior. Para non hai probas de que un certo crecemento económico estea beneficiando aos que peor o están a pasar. Non é máis que un dogma político facilón.

-Cales son as causas principais que levan a unha persoa a vivir na rúa?

-Unha das ideas preconcebidas que ten a xente é que estas persoas están na rúa porque queren, cando non é así. Detrás destes casos están problemas de desemprego, de perda da vivenda, aos que se poden sumar traxedias familiares como divorcios, enfermidades ou mortes. Todo isto pode dar lugar polo camiño a problemas mentais e a un montón de efectos que se poden agravar se non se pon solución a tempo. E para facelo, cómpre tratar ás persoas sen teito como persoas e non como zombis.

-Cal é o perfil das persoas sen fogar actualmente en Galicia?

-En torno a un 80% son homes, a maioría maiores de 45 ou 50 anos e de nacionalidade española, aínda que si que é certo que nos últimos anos están a aumentar os casos de inmigrantes extracomunitarios. Pouco a pouco vai habendo tamén máis mulleres e, por desgraza, cada vez rexístranse máis persoas novas vivindo na rúa, entre a franxa dos 18 e 30 anos.

-Percibe que o traballo xa non é garantía para non ser pobre, como indican algúns estudos?

-O aumento da pobreza laboral é unha evidencia. En España, en torno a un 15% das persoas con traballo ingresa por debaixo do limiar da pobreza, é dicir, dos 600 euros ao mes. Cada vez hai máis contratos a tempo parcial, os salarios son máis baixos e isto explica a cronificación da pobreza. Para saír desta situación é necesario que existan certas perspectivas vitais que permitan planificar a vida a longo prazo. Se a túa dúbida cada mes é non saber se vas ter para comer, é imposible.

-Percibiron máis casos deste tipo trala última reforma laboral, como denuncian os sindicatos?

-En España sempre tivemos un problema estructural de pobreza, incluido antes da crise. As taxas de pobreza e exclusión nunca baixaron do 18%. O problema é que agora, despois de perder un traballo, é moi difícil encontrar un novo antes de que se rematen as prestacións. Despois das prestacións veñen os subsidios e, cando estes acaban, xa entras nun tipo de medidas sociais que en España son moito máis defectuosas. É o que unha persoa nestas circunstancias calificou un día como circuito da miseria, ese que te obriga a ir de mostrador en mostrador, solicitando cada seis meses axudas como a Risga e presentando diferente documentación cada pouco tempo ante diferentes administracións.

-Que deben facer os gobernos para mellorar os seus servizos de atención aos máis pobres?

-Por unha banda, son necesarios compromiso nos orzamentos e planificación. España gasta dous puntos menos do PIB en políticas sociais en comparación co resto da UE, polo que hai cartos para aumentar o financiamento. Tamén fai falla mellorar as estratexias e que as medidas non duren só seis meses e teñan unha visión máis a longo prazo. Por outro lado, hai que mellorar a coordinación entre administracións, que actualmente é un auténtico caos. Non está definido, por exemplo, que é o que debe facer o Concello, que a Xunta e que o Goberno central. Por último, cómpre analizar as causas e actuar en consecuencia. O asistencialismo baseado en dar roupa, comida e teito pode funcionar un ano pero non vale de nada se non se afrontan procesos de inclusión máis prolongados, de dous ou tres anos, e cun persoal fixo, que traballe caso por caso. Non pode ser que ás persoas sen teito lles cambie o asistente seis veces nun ano, como acontece en ocasións.

-As mareas chegaron ao Gobernos prometendo máis esforzos contra a pobreza. Están a marcar a diferenza?

-É cedo para valoralo. Si é certo é que na campaña electoral unha das chaves foi a loita contra a exclusión. Nalgún concello si que se está a facer un esforzo, algúns das Mareas e outros non, como Ourense (PP) e Vigo (PSOE). Pero todo isto tense que ver nun ano. Hai que aumentar o orzamento pero tamén a coordinacion. Non vale con anunciar unha renta municipal se non estamos coordinados coa Xunta porque, do contrario, os esforzos vanse polo sumidoiro da burocracia.