No 1979 saquei esta fotografía sobre a cuberta da Casa Cervigón en Santa Cristina.

Recordo a emoción que sentín e a cantidade de imaxes que realicei en apenas 30 minutos que durou a miña estancia no edificio.

Nos meus anos en Oleiros nunca estivera nun marco no que a modernidade arquitectónica e a vangarda estiveran plasmadas con tal rotundidade.

A pesar dos esforzos tardei tempo en coñecer o seu autor. Foi grazas a unha funcionaria exemplar, dona Manolita Castilla, como conectei co exilio republicano: José Caridad Mateo, autor da Casa Caramés, residía en México e comezoume a desvelar a historia oculta da arquitectura en Galicia no tempo da República. Con ela coñecín aos arquitectos innombrables. Os invisibeis.

Falei con Caridad dende o Concello e xurdíu o nome de Jordi Tell Novellas.

Un arquitecto catalán na cadea da Coruña nos anos 1937 e 1938. Alí coincidira con Caridad. Coñecéronse, colaboraron e fuxiron á España republicana, para incorporarse ao exército constitucional.

Jordi Tell, dende Noruega e dende Catalunya contoume a súa historia.

As dúas casas, a Caramés e a Cervigón, as obras máis significativas do Movemento Moderno, foran proxectadas por dous arquitectos exiliados, demócratas e republicanos. Foron as primeiras obras do MoMo catalogadas como parte do Patrimonio Arquitectónico e Urbanístico Municipal do Concello de Oleiros.

A historiadora Gemma Domènech i Casadevall, no seu excelente libro Jordi Tell. El llop solitari de l'exili català - que será presentado na Casa Casares Quiroga mañá ás 19.30 horas- ábrenos unha fiestra de luz pola que penetra unha bocanada de aire fresco na extraordinaria personalidade dun home, que a pesar de estar preso na cadea da Coruña pola súa defensa da democracia, foi capaz de proxectar arquitecturas que só era posible imaxinar por mentes que habitan en territorios de liberdade.

Hoxe seguen a ser escenarios que espertan emocións, recordos e a admiración cara a aqueles, os malditos, que no millor dos casos foron empurrados para sempre cara ao drama do exilio.