Pepe Galán Escultor que impartirá hoxe unha charla no Colexio de Arquitectos

"A arte de rotonda é simple decoración, o artefacto non ten nada que ver co lugar"

"Nesta cidade hai moitos exemplos de esculturas que non foron pensadas para dinamizar espazos"

26.04.2016 | 01:01
Pepé Galán, no seu monumento aos ´Mortos do Portiño´.

O escultor Pepe Galán participará hoxe, ás 20.00 horas, no ciclo de conferencias Territorios individuais, no que falará sobre a creación de espazos públicos a través da creación escultórica. A charla será na sala de cultura da Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), na rúa Federico Tapia.

-Que importancia ten para as cidades contar con pezas escultóricas e con pezas artísticas nas súas rúas?

-É moi importante e a cousa hai que medila moito desde o punto de vista do artista, para que a escultura se leve co entorno. Debe dialogar coa cidadanía e mesmo coa cidade e co lugar no que se vai instalar.

-Sempre é así? Porque ás veces vese cada cousa, sobre todo nas rotondas que non parece que a peza estea en sintonía co entorno.

-Case sempre, aínda que as cousas van cambiando lentamente, a Administración, que é a que encarga a peza ao artista, non se preocupa por pedirlle unha obra ex profeso para ese lugar, senón que lle pide simplemente unha escultura. O artista, normalmente, o que fai é tirar dunha maqueta que ten xa realizada ou de obras feitas no obradoiro, pero que non dialogaron nin están pensadas para ese entorno. Son cousas totalmente diferentes. A arte de rotonda é simplemente decoración. Sae un artefacto do taller e non ten nada que ver co lugar no que se vai poñer. As rotondas non son o mellor lugar para dialogar coa contorna.

-Cales son os mellores?

-As rotondas, desde logo que non. Son espazos que se inventan para organizar o tráfico, non para intervir artisticamente. Hai moitos lugares mellores na cidade e tamén no campo, na natureza. Tanto nuns coma noutros débese estudar moi ben o espazo, o impacto. O que debe procurar ese grupo escultórico é que logre un novo espazo de convivencia, que amplíe os seus límites para que a cidadanía poida convivir perfectamente con el, que sexa un novo lugar público.

-Pode unha escultura colocada nun lugar determinado dunha cidade facer que se convirta nun lugar de relación e convertirse nun factor dinamizador?

-Hai múltiples exemplos que demostran iso, pero non todos os escultores chegan a facelo. Non é culpa só dos escultores. O que encarga, que é a Administración, non esixe que iso sexa así. Dentro diso tamén está o nivel dos orzamentos. A un escultor se non se lle dá presuposto tampouco pode plantexar nada así. Ás veces hai presupostos ridículos que o que fan é prexudicar ao escultor e á cidadanía. Nesta cidade hai moitos exemplos de esculturas que non foron pensadas para dinamizar espazos. Isto pasou sempre na historia da arte. Artista e Administración e, incluso, arquitecto e todos os axentes que participan desta historia deben ter en conta estas cousas. É unha cuestión de conciencia, de urbanismo, vai máis alá da propia obra persoal dun artista no seu taller.

-Que exemplos hai na cidade de obras que non conversan co seu entorno?

-A cidade está chea deles, pero imos dicir mellor, os que si cumpren ese cometido. Eu teño un monumento no Portiño, que se chama Mortos do Portiño, ademais da carga simbólica, é unha peza concebida en horizontal para usar, para vivir nela e para pisala. O que pretende é crear un espazo público de convivencia e rexenerar ese espazo, crear un lugar. Iso hai que telo en conta. Igual non hai que tirar para arriba coas esculturas, senón espallalas máis, e que sexan máis sinxelas, que se poidan habitar dalgún xeito.

-Hai outra das súas obras no conxunto escultórico da Torre, como foi o proceso creativo desa peza?

-Foi un encargo de Costas a unha serie de escultores. Eu o que fixen foi interpretar un dos doce traballos de Hércules, que consistía en que Hércules pedía a copa do sol para viaxar do Oriente extremo a Occidente para recatar os bois de Xerión. Eu son un artista non figurativo e o que proxecto é unha peza xeométrica de catro por catro metros. Simboliza esa nave do sol e que, cando ese astro se pon no horizonte, ese último raio se recolle no interior desa copa para viaxar ao extremo do mundo e, ao día seguinte, volver. Estes son espazos complicados, porque calquera peza que se poña aí non pode competir coa forza do entorno, co mar e a Torre de Hércules.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine