A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recoñeceu 19 proxectos educativos cos premios de innovación na Formación Profesional. Os centros recoñecidos deberán desenvolver o proxecto este ano e presentar a memoria antes do 30 de marzo de 2017. A Consellería destinou máis de 250.000 euros a estes traballos, co obxectivo de camiñar cara a excelencia na FP, fomentar o emprendemento e potenciar a competitividade desde idades mozas. Os centros premiados foron o CIFP Someso e o IES A Sardiñeira da Coruña, o IES de Curtis, o IES Universidade Laboral de Culleredo, o CIFP Ferrolterra (con tres proxectos premiados), o CIFP Compostela e o CIFP Politécnico de Santiago, o CIFP Coroso de Ribeira , o IES Nº 1 de Ordes, o CIFP Politécnico e o CIFP As Mercedesde Lugo, o IES Lois Peña Novo de Vilalba, o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense, o CIFP Manuel Antonio e o CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo, o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, e o IES Antón Losada Diéguez da Estrada. O CIFP Someso da Coruña recibiu o galardón polo proxecto dos alumnos dos módulos de Soldadura, Mecanizado, Fabricación Mecánica e Construccións Metálicas para obter unha mellora tecnolóxica dos procesos de soldaxe a través da innovación en colaboración coa empresa TEIGA-TMI. O director do centro, Félix Rodil, destaca que este recoñecemento reafirma o traballo do CIFP Someso baseado nunha formación práctica que "dinamice a ensinanza e motive aos alumnos".