No centro histórico de Berlín, moi preto da fermosa illa dos museos rodeada polo río Spree, está a rúa Anna-Louisa-Karsch, unha das máis antigas da capital prusiana. A fins do século XVIII,cando levaba o nome de Neue Friedrichstrasse (nova rúa de Federico), nos números 21-22 tiñan a súa residencia o matrimonio Herz, Marcus e Henriette.Un lugar emblemático na vida cultural da cidade, xa que o seu salón acollía as máis singulares veladas berlinesas, nas que a elite cultural acudía ás explicacións de Marcus sobre filosofía e ciencia e ás de Henriette sobre cuestións literarias. Entre eses selectos asistentes figuraron dous mozos que co paso do tempo se converterían en figuras do mundo intelectual, os irmáns Wilhelm (1767-1835) e Alexander von Humboldt (1769-1859). Quen sería un célebre científico, que partiu da Coruña na súa famosa expedición científica e a quen a cidade lle adica unha rúa na zona de Someso, estableceu unha intensa relación con Henriette, á que despois cualificaría como a muller máis bela, intelixente e sabia que coñeceu na súa longa vida.

Formación inicial titorizada

Os pais dos Humboldt foron Alexander Georg von Humboldt, alto funcionario real, e a baronesa Elizabeth von Holwede, quen descendía de hugonotes franceses (protestantes) fuxidos a Prusia. Unha familia rica que tiña como residencia de verán o Schloss Tegel, pazo de Tegel, situada a varios kilómetros de distancia do centro de Berlín.

A formación inicial dos irmáns Humboldt, ata o ingreso na universidade en outubro de 1787, correu a cargo de diversos titores, encargados da dirección do proceso educativo e da contratación de profesorado. O máis salientable deles foi Gottlob Christian Kunth quen en 1783 achegounos á casa do ilustrado filósofo hebreo Moses Mendelssohn, onde recibirían clases de matemáticas de E. G. Fischer cos dous fillos de Moses, Joseph e Nathan.

Xudeus emancipados, a relación cos Mendelsshon

No período que estamos a tratar, fins do século XVIII, tivo lugar en varios países de Europa a emancipación dos xudeus, supresión de leis discriminatorias e acceso a dereitos dese colectivo. As medidas non eliminaron todas as desigualdades e, por suposto, os receos xerados por séculos de persecución, porén facilitaron a súa integración na sociedade. O proceso foi facilitado pola Revolución francesa e a conseguinte proclamación dos Dereitos Humanos, o que favoreceu a simpatía de boa parte dos israelitas polo liberalismo da época. As familias dos Herz e dos Mendelssohn foron un exemplo dese proceso de integración e posicionamentos liberais.

Moses Mendelssohn e Fromet Guggenheim tiveron seis fillos, dous deles, como vimos, compañeiros de estudo dos Humboldt, Joseph, o fillo maior, e Nathan. Outro, Abraham Mendelssohn, foi pai do célebre músico Félix Mendelssohn, quen escribiría en 1828 unha cantata en honor de Humboldt. A relación de Humboldt coa familia Mendelssohn sería intensa. Con Nathan, construtor de innovadores instrumentos científicos, desenvolveu unha colaboración arredor dos materiais deseñados por este e, asemade, as investigacións de Humboldt sobre o magnetismo tiveron lugar nas instalacións especiais construídas na propiedade de Abraham. O sabio prusiano tamén contou co xeneroso e sostido respaldo dos Mendelssohn no terreo financiero, xa que unha parte da familia montou un banco privado en Berlín, que chegou a ser nos séculos XIX e XX (ata 1939, en que os nazis o requisaron) un dos máis importantes de Europa.

Os Mendelssohn solucionaron problemas de liquidez ou de xestión de Alexander e o seu respaldo foi fundamental no momento en que os gastos ocasionados polas viaxes e publicacións do científico remataron coa súa herdanza. Na parte final da vida, desde a morte do irmán Wilhelm en 1835, pasaron a ser a referencia máis íntima do sabio prusiano, a súa familia efectiva.

Contacto cos Herz

Kunth levou aos irmáns Humboldt ás reunións que dirixía o sobranceiro médico e filósofo xudeu Marcus Herz (1747-1803) e a súa dona Henriette (1764-1847). A sona desas veladas foi grande, e a de Henriette acadou unha especial relevancia, de feito, os berlineses adoitaban comentar aos visitantes: "Se non veu o Teatro Real e a Henriette Herz, non veu Berlín".

Discípulo de Inmanuel Kant, Marcus explicaba a filosofía do seu mestre e, asemade, desenvolvía un seminario científico, con interesantes experimentos, e Henriette unha tertulia literaria. Os Herz crearon con diversos amigos, e entre eles os irmáns Humboldt, unha asociación da boa conduta: Tungendbund, Liga da Virtude. Polo estímulo de Marcus Herz, Alexander animouse á construción dun pararraios, o segundo de Prusia, que colocouno pazo de Tegel. Esas experiencias e iniciativas espertaron o seu interese pola ciencia, unha paixón que xa non o abandonaría.

Naquel tempo a capital prusiana tiña 140.000 habitantes e no deserto cultural e científico berlinés os Humboldt tiveron a fortuna de atopar o oasis que supuña a tertulia dos Herz. Unha contorna estimulante, na que se falaba de ciencia e literatura de vangarda nun ambiente liberal e na que Alexander gozou dun pracer especial, que deu pulo á súa vocación científica, o da aprendizaxe compartida.

Posible orixe galega de Henriette

Henriette pasou á historia co apelido do marido, Herz, pero o seu nome era Henriette de Lemos. Naceu en Berlín mais o seu pai, o médico Benjamin de Lemos (primeiro Director do hospital xudeu de Berlín), procedía de Hamburgo e viña dunha familia hebrea portuguesa, que, segundo o estudoso monfortino, Felipe Aira Pardo, procedería de Galicia, da relevante comunidade xudía do val de Lemos.

A expulsión dos israelitas de diferentes reinos cristiáns foi un proceso que tiña como obxectivo fomentar unha identidade "nacional" baseada na uniformidade. Inicio1use en 1290 en Inglaterra e continuou en diversos países; en España foron os denominados "Reyes Católicos" os responsables desa medida en 1492. Inicialmente un dos destinos dos fuxidos foi Portugal, pero poucos anos despois o rei luso Manuel I aprobou a súa expulsión. A maioría dos xudeus que residían en Portugal marcharon cara Holanda, Londres e Hamburgo, destino dos Lemos.

Relación con Henriette

Alexander aprendeu ciencia con Marcus Herz porén con quen estableceu unha conexión máis estreita e cómplice foi con Henriette, algo que puido favorecer a semellanza de idade dos dous, el estaba preto dos vinte anos e ela andaba polos vintedous. Desde unha arela total de coñecemento, compartiron múltiples actividades e lecturas. Saíron a ollar estrelas e observar insectos; o futuro científico amosoulle as súas primeiras coleccións de rochas, plantas e mapas e, bo bailarín, ensinoulle algún baile. Tamén coincidiron na súa identificación co movemento literario Sturm und drang (Tormenta e ímpeto), que, fronte ao racionalismo, facía fincapé na liberdade e subxectividade do artista. Alexander declamáballe a Henriette a obra teatral de Friedrich Klinger que dera nome ao movemento.

A infancia de Humboldt transcurrira cunha nai fría e distante e preceptores impersoais polo que Henriette o deslumbrou pola súa proximidade, beleza, sentido do humor e cultivada intelixencia. E cando, polo verán, a familia se trasladaba ao pazo de Tegel, o futuro sabio escribíalle cartas á nova amiga, "desde o castelo do aburrimento", con textos en inglés e hebreo. Humboldt afirmou: "Henriette foi a muller máis próxima e admirada da miña vida". Por outra banda, unha das poucas mulleres coas que intimou, pois Alexander preferiu aos do propio xénero como parella, exercendo a súa homosexualidade con numerosos compañeiros. Sobre esta cuestión tan persoal tratou con Henriette nalgunha das cartas intercambiadas posteriormente, porque a amizade íntima continuou ata o fin dos seus días e en 1842, Humboldt puido utilizar a súa influencia co rei Federico Guillermo IV para beneficiar, cunha pensión, á vella viúva e amiga.

Próximos no actual Berlín

Hoxe en día unha praza situada á esquerda da rúa Anna-Louisa-Karsch lembra na capital alemá á singular muller que foi esta descendente de xudeus galegos: Henriette Herz Platz. Sería desexable que as autoridades municipais berlinesas incluíran da denominación o apelido da súa familia, "de Lemos", como recoñecemento a unha liñaxe, se ben tampouco estaría de máis que no propio Monforte unha rúa ou institución levaran o seu nome. Na mesma zona do centro de Berlín, a menos dun kilómetro, uns once minutos andando, está a estatua de Alexander, que coa do seu irmán Wilhelm presiden a entrada da vella universidade da capital. Un venturoso azar fixo que quen en vida tanto compartiron ficaran tan próximos na posteridade.