"Se tan sectarios somos, non sei logo por que abrimos a organización das festas aos diferentes colectivos. Cada ano estámolas abrindo a máis entidades", pregúntase o presidente da asociación de veciños de Monte Alto, Alberte Fernández, que non negou nunca que a entidade siga unha liña ideolóxica ligada ao nacionalismo e á defensa do idioma e do barrio.

A pesar de que sempre contou cunha etiqueta, o presidente da entidade di que, aos ollos da xente non sempre foi a mesma, e que cada executiva marca tamén a liña que se vai seguir. "Isto é cíclico. Hai anos, había xente que dicía que a asociación era do PSOE, agora que é do BNG, mañá dirán que é da Marea... Outro día pode entrar alguén que sexa do PP. Non se sabe", explica o presidente desta asociación veciñal que naceu en 1977 e que foi a primeira en abrir unha biblioteca no barrio.

"En Monte Alto potenciamos o carácter reivindicativo", explica o presidente da entidade que non nega que a entidade teña unha influencia política, xa que está dirixida "por persoas con ideoloxía".

A asociación adícase máis a atender os problemas dos veciños que ás actividades lúdicas, xa que considera que coa biblioteca e coa realización das festas e tamén con algúns cursos e presentacións, esa parte formativa está cuberta. Ademais, destaca o presidente, o centro cívico do barrio xa se encarga desa oferta. Sobre o panorama actual, o presidente di que anos atrás "as entidades veciñais caeron

nunha especie de sono e perderon moita credibilidade, moitísima".

"Esta directiva o que fixo desde 2012 foi recuperar a confianza dos veciños", comenta Alberte Fernández, que aposta pola modernización da entidade, no senso de utilizar as redes sociais e internet para se comunicar cos seus socios.

"Si que temos ideas políticas e non as negamos, pero tampouco lle preguntamos a ninguén cales son as súas cando vén á asociación. Na directiva tamén hai discusións, porque cadaquén ten a súa visión e é o natural. A asociación é un ente vivo que tende a facer actividades cun certo carácter. Nós non criticamos iso, senón que criticamos a quen pretende esconder que iso acontece", explica.