O alcalde da Coruña ausentouse este domingo da Función do Voto, unha celebración relixiosa na que se agradece á Virxe do Rosario a súa intercesión na batalla de 1589 contra os ingleses. Quen critican o seu xesto insisten en que, alén da relixión, trátase dunha tradición que Xulio Ferreiro rompeu.

O certo é que no país que patentou a Inquisición e no que o nacionalcatolicismo foi doutrina de Estado até hai dous días existe máis dun exemplo no que a tradición mestura relixión e administración pública nun cocktail inconcebible nos países da nosa contorna e que, non por ser histórico, debera desaparecer dun estado aconfesional coma este.

Tampouco estamos ante unha celebración de grande raigame popular, como confunden certos grupos que asumen como de todos costumes que apenas son seguidos por unha minoría. Se vostede non é da Coruña, créame, asistir por estes lares a unha misa con mantilla é, como mínimo, extemporáneo.

Para quen tradicionalmente contou co privilexio das institucións, non hai maior opresión que pasar a ser tratado desde a igualdade. Non está de máis que, en pleno 2016, os promotores de actos relixisos, chámense Función do Voto ou Semana Santa, se vaian afacendo.