Di que a súa poesía non nace se non é apegada ás cousas que pasan, a todo o que o arrodea, ao bo e máis ao malo. Así que, en Ollares... no fondo da retina ... na paisaxe dos afectos, o primeiro poemario do presidente da asociación veciñal da Agra do Orzán, Ricardo Seixo, hai un pouco de todo.

Leva escribindo "toda a vida", porque sempre lle gustou poñer verbas aos seus sentimentos e aos de quen camiña chanzo a chanzo ao seu carón, aínda que por terse dedicado ao ensino durante moitos anos e por ter "outras ocupacións", os seus textos nunca atoparan un nexo común. "Unha vez que me xubilei foi cando comecei a traballar máis na produción literaria", conta Seixo, desde a sede da asociación veciñal, onde atende as queixas dos residentes do barrio e onde se xestan iniciativas como a de buscar o por que dos nomes que se atopan no rueiro da Agra do Orzán.

Ollares divídese en dúas partes, unha, No fondo da retina, na que as protagonistas son as escenas da vida cotiá, así que hai verbas ben coñecidas polos que sofren, como "taxas", o anceio dunha "vida digna", hai muros insalvables e sociedades narcotizadas e perdidas, mais hai tamén bicos e apertas, curuxas que cantan e un berro para exercer a liberdade. Na segunda parte, Ollares... na paisaxe dos afectos, Seixo percorre o álbum das súas lembranzas e adícalles os seus versos a persoas que deixaron unha pegada especial na súa vida.

Está a súa nai, todas as nais, pero tamén Pepe Otero e, con el, todas as vítimas do franquismo, e as "mulleres en loita pola súa dignidade", están os nenos e as nenas autistas, a tamén poeta Dores Tembrás e o polifacético Xurxo Souto, que sabe os segregos daqueles mares que falan galego.

Di Seixo que non é quen de escribir abstraéndose da realidade, por iso os seus poemas falan da vida, da súa, das que coñece e das que lle contaron. E por que editar agora o libro? Explica Seixo que non é el moito de andar presentándose a premios así que cando os que lían os seus poemas o animaban a que os publicase, non tiña un currículo detrás para convencer as editoriais. "Decidín facelo eu. Se recupero o investimento, ben, se non, pois tamén, quédame o libro dos meus poemas", resume Seixo.

Este Ollares, ademais dos versos escritos, conta cun disco no que o autor e outras persoas recitan os poemas do libro e, tamén, coas ilustracións de Abraham Vila, que foi alumno daquel Ricardo Seixo mestre, que nunca foi esquecido. A obra leva o selo da entidade veciñal e, pola venda de cada exemplar, o autor, que é tamén editor e voz, donará dous euros para que poida seguir co seu labor, o de ser "punto de encontro" dos veciños "para cantar, recitar, recitar, bailar, partillar..." Como di Seixo: para "vivir".