Di Xosé Lois Romero que con Aliboria, cos seus nove alumnos sobre o escenario, está a cumprir un soño de cando era neno. Unha teima desas que quedan aí gravadas na memoria e non hai quen as saque até que se fan realidade. No teatro Rosalía de Castro esta formación deu onte o seu primeiro concerto en público. Fíxoo para abrir a decimoquinta edición dos Premios OPINIÓN de Música de Raíz, no que o homenaxeado co galardón Andaina Senlleira foi o cantor que puxo voz aos poemas de Rosalía de Castro, para Amancio Prada, "o berciano con corazón e alma de galego", segundo recordou onte a xornalista Ana Pérez, a encargada de conducir a gala.

De cada verba que oía Prada das coplas cantadas por Aliboria saíalle outra que aparecera xa en Cantares Gallegos, ou que o transportaba a un mundo pasado, xa vivido, o millo, o traballo, o seu pai cantando, a súa nai, Teresa, entonando unha canción, as vacas que tiraban "por un arado romano" e lembrouse daqueles "homes que traballando cantaban".

Para Amancio Prada, que onte recolleu, entre coplas e aplausos, o recoñecemento ao seu labor da man dos seus compañeiros de profesión, todo o que vén de Galicia, "ten un valor e unha emoción moi especial"

"Podería dicir o que dicía Federico García Lorca: Llevo a Galicia en el corazón porque en ella he vivido y he soñado mucho, para mí es mejor soñar que vivir. Para min, soñar, vivir e cantar son a mesma cousa", explicou Prada, que recolleu o premio das mas do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

Algo así, unha mestura de soño e ideal foi tamén o que levou a Xosé Lois Romero a formar Aliboria. Porque é así como lle quere dar, non resposta senón "protesta" a esa situación que fixo que a música tradicional e o xeito no que se tocan os instrumentos evolucionase co paso de tempo, mais que se estancou na percusión. Con este grupo, que nace con dez membros, algo pouco axeitado para os tempos de crise actuais, Romero dalle a volta aos instrumentos de tocar, de levar o ritmo para bailar e para traballar. Así que, sobre o escenario hai tixolas de ferro, botellas de anís, bombos que se tocan con dous paus, cunchas, piñas, pandeiras, pandeiretas e pandeiros cadrados, tarrañolas, unha caixa, un tamboril e até un charrasco e un adufe.

O premio ao mellor artista foi compartido entre Pedro Lamas e Roberto Somoza, polo seu traballo Fame, coa Orquestra de Jazz de Galicia. Eles recolleron tamén o de mellor traballo discográfico, por pasar polo filtro do jazz as composicións que se foron herdando de xeracións en xeracións, das melodías que acompañaban o día a día dos que as cantaban e asubiaban.

O galardón para a mellor composición orixinal foi para Libre para voar, de Sérgio Tannus, un tema que canta Sonia Lebedynski no disco, mais que sonou tamén en directo onte na voz de Begoña Lorenzo, de Axada, que foi o grupo encargado de pechar a gala.

Esta banda con nome de vento naceu hai cinco anos, da man do director musical Pedro Lamas, unha formación con ventos, percusións e cordas, que colle os temas que xa foron galardonados nas anteriores galas dos PREMIOS OPINIÓN de Música de Raíz ou que veñen de selo e que lles dá unha volta, outro aire "forte" e intenso, para mudalo todo, para que se recoñezan, pero sonen a novo.

E sonaron, entón Moe a moa, dos Cempés, Soán, de Nova Galega de Danza, e Déixame adiviñar, de Budiño, entre outras. Xosé Lois Romero reivindicou onte o oficio de tocador, de creador de música en tempos difíciles. "Xa que non hai medios, polo menos, que haxa pracer por facer as cousas bonitas e divertidas", resumiu.

A xornalista Ana Pérez fixo onte fincapé na aposta que mantén este diario coa música de raíz, premiando cada ano os mellores traballos, pulando por darlle relevancia á música que nace da terra. Nesta edición, os premios correron da conta de Ardentia, que fixo unha harpa de madeira. A gala contou co patrocinio da Xunta, a través da Axencia Galega de Industriais Culturais (Agadic), do Concello e da empresa Gadis.