"Todos somos fillos, netos ou bisnetos dun Balbino, e todos temos a sensación de que a historia fala un pouco de cada un de nós". Así describe o actor e dramaturgo Cándido Pazó a obra Memorias dun neno labrego escrita por Xosé Neira Vilas. Pazó conseguiu adaptala e levala a escena hai cinco anos, e o próximo 20 de maio ás 20.30 horas chegará ao teatro Colón na que será a súa función "numero 146".

O idilio escénico de Cándido Pazó con Balbino, o protagonista do libro, cobrou vida no ano 2011, aproveitando o cincuenta aniversario da publicación en Bos Aires da obra máis lida da literatura galega. Pazó, quen viu na efeméride unha oportunidade para botar a andar unha adaptación que levaba tempor rondando o seu maxín, comezou unha andaina na que poñería enriba do escenario "a memoria colectiva dun país" a través das lembranzas vitais dun labrego co que "os galegos adoitan sentirse identificados". Un labrego pobre cuxa vida está presente en "todo neno desfavorecido que non pode vivir a súa infancia aproveitando ao máximo as ocasións que esa etapa vital brinda para ser feliz".

Sobre as táboas, Pazó mistura a capacidade narrativa que aporta a novela de Neira Vilas, coa súa faceta máis teatral, coa que da vida ás pasaxes relatadas por Balbino. Neste senso, se ben o tema central da adaptación é o libro Memorias dun neno labrego, o dramaturgo engade, nunha chiscadela á súa faceta coma contacontos e monologuista, "experiencias biográficas, tanto propias coma alleas". A posta en escena realizada por Pazó está aderezada con música e proxeccións audiovisuais que axudan a que os espectadores se somerxan na atmósfera rural galega configurada pola pluma de Xosé Neira Vilas a mediados do século pasado.

Aínda que unha adaptación dunha obra escrita "sempre é unha arma de dobre fío", Pazó recoñece atopou en Neira Vilas "un absoluto seguidor e cómplice do proxecto" desde o seu comezo ata o seu falecemento o pasado ano. O escritor, que viu a representación de Pazó "cinco veces", soubo apreciar o xiro cómico que o dramaturgo vigués conseguiu dar a unha historia "que apela ás emocións e á sensibilidade". En palabras de Pazó: "Unha das cousas que máis satisfacían a Neira Vilas desta adaptación foi que introducísemos tanto material humorístico na peza, xa que dicía que a comicidade relanzaba a temática central do libro".

Estes cinco anos de vida da obra Memorias dun neno labrego, ademais de ser un sinal que avala a súa boa recepción por parte do público contribuiron, segundo apunta Cándido Pazó, "a facer que evolucionase desbotando algúns dos elementos iniciais e engadindo outros novos que a fan estar máis depurada e redonda".

Ao tempo que sigue subindo ás táboas de diversos escenarios galegos a súa adaptación de Neira Vilas, Pazó conta un repertorio de contos inspirados en toda a obra de Castelao titulado Que comerá o rei, un proxecto que combina co seu papel coma director e autor da obra Foucellas, representada por Talía Teatro, e coa súa faceta de autor da peza As do peixe, que interpretará a agrupación teatral Abrapalabra Creacións Escénicas o próximo 21 de maio ás 20.30 horas no Colón. As entradaspara a función poderán ser adquiridas a uns prezos entre os 6 e os 12 euros, informa o auditorio.