Coincidindo co Día das Letras Galegas, e co obxectivo de render tributo ao poeta lucense Manuel María, este mediodía tivo lugar, dende o balcón do Pazo de María Pita, unha lectura pública de textos do autor, quen escolleu a cidade da Coruña para pasar a última etapa da súa vida. O alcalde, Xulio Ferreiro, foi o encargado de abrir os turnos de lectura pública, que se estenderon ao longo dunha hora e nos que participaron máis dunha trintena de persoas, entre veciños, veciñas e concelleiros e concelleiras da Corporación Municipal.

O rexedor destacou que o de hoxe é "dun día de festa" para honrar tanto a Manuel María, como a todas as persoas que manteñen "o seu compromiso inquebrantable coas letras e a lingua galega". "Como día de festa que é, a ocasión merecía abrir as portas do Pazo de María Pita para levar a cabo unha lectura pública", comentou Ferreiro, quen salientou que a intención do Goberno local é que "este acto que iniciamos hoxe se converta en tradición, e poida ter lugar de agora en adiante todos os días das Letras".

Pola súa banda, o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, destacou que "o comprimiso do Goberno local co idioma se produce en todas as súas accións e todos os días do ano", aínda que quixo facer fincapé na programación especial para estes días, co Concerto das Letras Galegas 2016 que terá lugar ás 21.00 horas no Teatro Rosalía de Castro, organizado polo Concello en colaboración co Consello da Cultura Galega, así como o acto literario e musical que se celebrará mañá mércores, no mesmo escenario, organizado neste caso polo Concello e a Real Academia Galega polo centenario das Irmandades da Fala.