"Non vivo na Coruña pero son unha namorada dela, é a miña segunda cidade", confesa Susana Lebón para explicar o motivo polo que con frecuencia percorre a cidade para retratala nas súas fotografías. Unha serie delas exponse agora no Fórum Metropolitano ata o día 23 e recolle as imaxes tomadas na zona da Gaiteira e Os Castros, cuxa asociación veciñal é a responsable da organización desta mostra.

"Tiña un pouco abandonado o barrio porque había tempo que non me daba un paseo por el", explica esta afeccionada á fotografía, quen un día do pasado verán decidiu dar un paseo quitando fotos coas que agora pretende dar unha visión persoal desta parte da cidade.

"Cando quito as fotos vexo unhas cousas, pero cando as edito vexo outras, polo que xogo con elas para darlle ao barrio unha visión afastada da imaxe das descargas de carbón e que sexa a dunha persoa que leva toda a súa vida no barrio", comenta Lebón, quen para lograr o seu obxectivo utiliza tanto imaxes en cor, como en branco e negro ou cun ton sepia.

O eixo do seu percorrido foi un percorrido completo polo paseo que vai dende Casablanca ata a avenida do Exército e que lle chamou especialmente a atención. "Descubrín currunchiños como o xardín do Mirador, malia que tiña pasado moitas veces por alí, pero nunca me decatara do bonito que é ese trociño de barrio", afirma a fotógrafa, á quen tamén lle gustou moito a estatua que hai na rotonda de acceso á dársena pesqueira de Oza, un busto de muller nun mascarón de proa que nunca tiña visto dende o paseo e que, segundo salienta, visto dende arriba ten unha perspectiva totalmente diferente.

"Gústame moito fotografar á xente na súa vida cotiá", destaca Lebón, que se sorprendeu da tranquilidade e silencio do paseo á hora na que percorreu, a primeira da tarde, ademais do contraste existente entre un lado do paseo, no que está a zona industrial do porto, e o outro, que é o parque de San Diego. "Intentei buscarlle a parte máis poética ao barrio, afastada do gris e do desastre urbanístico", sinala sobre a orientación das súas fotos.