Un balcón para as verbas ceibes

O Goberno local prevé abrir todos os anos as portas do Concello o Día das Letras Galegas para ler as obras dos autores homenaxeados

18.05.2016 | 10:19
Un balcón para as verbas ceibes
Concerto de Milladoiro no Rosalía.

Para Begoña, O meu barco é un poema que lle recorda a cando era pequena, non porque lera a Manuel María, senón polas cousas que conta, por ese viaxar "sen saír da casa", por sentirse ceibe e convertir un barco de xoguete nun navío no que non ten acubillo o medo. Así que Begoña escolleuno para lelo onte, desde o balcón de María Pita, co seu fillo Hadrián no colo. Paula, porén, compartiu Horizontes, por ter unha temática amorosa, coa que se sinte máis identificada.

O Concello celebrou onte por primeira vez unha lectura pública das obras de Manuel María, coa idea de que se convirta en tradición iso de abrir as portas do pazo municipal para que os veciños poñan voz aos textos dos homenaxeados no Día das Letras Galegas. O encargado de abrir este turno de lecturas foi o alcalde, Xulio Ferreiro, que elixiu a obra O poema, de Manuel María. "É un día de festa", dixo Ferreiro, que lembrou a todas aquelas persoas que manteñen "un compromiso inquebrantable coas letras e coa lingua galega".

Soaron tamén os ecos dos versos de A Terra Chá adornados pola harmónica de Xosé Taboada e A fala, que Xosé Iglesias Salorio quixo lembrar desde o altofalante do Concello. "É unha reivindicación da nosa lingua, que é ignorada a cotío polas administracións. Agora os nenos falan castelán no patio do colexio e galego na aula, obrigatoriamente, cando lles toca clase de lingua", comentaba, aínda co libro na man, Xosé Iglesias.

Desde o balcón do Concello emocionouse onte un veciño da Coruña que, segundo explicou, levaba xa máis de corenta anos residindo fóra e nada máis que facía "incursións puntuais" na cidade que era a súa mais tamen a que Manuel María escollera con Saleta Goi para pasaren os seus derradeiros anos. Emocionouse ao lembrar aos seus fillos e ao se decatar de que, por vez primeira, era el quen entraba no Concello e era protagonista e non un espectador, coma tantos outros, como durante tantos anos. E leu Biografía da muiñeira, como bailador que é, e dedicoulla aos seus fillos, para que "nunca renegasen dos seus nomes": Anxo, Galicia e Alexandre, nin do que significan.

A lectura participativa contou cunhas trinta voces, entre elas, a da concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, a da edil de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, e a do concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, que foi o encargado de pechar o acto coa lectura de Carné de identidade, un poema autobiográfico no que Manuel María fala de si mesmo, como un "labrego con algo de poeta". Participaron tamén outros concelleiros, como o socialista José García e Miguel Lorenzo, do PP, que leu o prólogo de Brétemas do muiñeiro, xa que o seu tío, Sabino Torres, foi o primeiro e o último que lle publicou un libro de poesía a Manuel María.

O Día das Letras Galegas tivo o seu peche co concerto de Milladoiro no teatro Rosalía de Castro, para o que o Concello repartira invitacións gratuítas ao longo da semana e tamén coa festa das Letras, do Sporting Club Casino.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Javier de Toro, jefe del servicio de reumatología del Complejo Hospitalario Universitario de A Coruña, responderá a preguntas de los lectores este jueves a las 11.30

 

 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine