Hai tres meses inaugurouse na cidade de San Sebastián a nova estación subterránea de autobuses de Atotxa, situada no centro da cidade e xunto á estación ferroviaria, a estación do Norte, que presta servizo as liñas de Renfe, incluída a súa rede de cercanías, contando ademais con outra estación ferroviaria, a de Amara, que da servizo ás liñas do Euskotren.

Concorren neste caso dúas condicións favorables para ambos modos de transporte; dunha o seu acceso ata o centro da cidade, e doutra a facilidade de intercambio entre redes de autobuses e ferroviarias. O condicionante para a coincidencia, que podemos atopar tamén noutras cidades coma Cádiz ou Santander, é o emprazamento da estación ferroviaria no centro urbano, pois doutro xeito nas actuacións de implantación de terminais de autobuses, que precisan elevados investimentos, haberá de optarse por dar prioriade á intermodalidade, favorecendo a proximidade entre estacións ferroviarias e de autobuses, aínda que resulten lonxanas respecto do destino dos desprazamentos dos usuarios, ou ben ao acceso dos autobuses ao centro da cidade, aínda que as súas terminais non resulten próximas ás ferroviarias, nunha valoración que deberá ter en conta en cada caso cal das dúas opcións resulte máis necesaria ou beneficie a unha meirande cantidade de usuarios.

Exemplo de actuacións recentes de implantación de terminais de autobuses en cidades de mediano tamaño nas que a situación da estación ferroviaria resulta alonxado do centro urbano poden ser os de Vitoria, na que o pasado ano inaugurouse unha nova estación de autobuses, ou o de Pamplona, na que a nova estación entrou en funcionamento no ano 2007; nos dous casos a alternativa elixida ten sido posibilitar o acceso dos autobuses á cidade, emprazando as novas terminais no seu centro.

Na nosa cidade, a desafectación de parte dos terreos do porto interior pode supoñer unha oportunidade única de dispor da extensión necesaria para dar resposta definitiva á continua demanda de acceso dos autobuses ao centro urbano, unha medida que resulta fundamental para a vertebración da área urbana, nunha actuación que ten precedentes noutras cidades coma Málaga, Alicante ou Las Palmas de Gran Canaria, que contan con terminais de autobuses emprazadas nas suas zonas portuarias.

E voltando a San Sebastián, una cidade de 186.000 habitantes e cunha área metropolitana de 436.000, paga a pena mencionar un dato sobre as suas condicións de mobilidade: segundo o seu Plan de Mobilidade Sostible do ano 2008, xa naquelas datas o 32% dos desprazamentos de ida entre a cidade e a sua área de influencia, e o 36% dos de volta realizábanse en transporte público, rodado ou ferroviario. Na nosa cidade esta porcentaxe é do 9%, segundo os datos do PMUS aprobado hai dous anos.