A mostra Álvaro Cebreiro 1903-1953, coa que a Xunta celebra o Día dos Museos e os 100 anos do nacemento das Irmandades da Fala, inaugurouse onte no Museo de Belas Artes. A exposición amosa 33 obras, entre as que figuran caricaturas firmadas por Álvaro Cebreiro de intelectuais como Imeldo Corral, Issac Díaz Pardo, Castelao, Manuel Castro Gil, Manuel Abelenda, Fernando Álvarez de Sotomayor, Vicente Risco, Plácido Castro, Manuel Lugrís Pérez, Ramón Gómez de la Serna, José Nombela ou Bernardino Machado. Todas elas forman parte do fondo de obras deste autor co que conta a pinacoteca coruñesa, integrado por 272 pezas.

Cebreiro, que fixo a súa primeira exposición na sede das Irmandades da Fala na Coruña, converténdose axiña nun xenial caricaturista, "moderno aínda hoxe, 60 anos despois da súa morte", segundo destacou onte o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. O conselleiro salientou o carácter integrador da actividade que realizaron as Irmandades da Fala na defensa "da lingua e cultura sen excluír a ninguén. Sendo integradores, aproveitando o que une a todos os galegos, en lugar de centrarse nas diferenzas", explicou.

Álvaro Cebreiro deu a coñecer as primeiras caricaturas aos 16 anos no xornal A Nosa Terra, o voceiro das Irmandades da Fala fundadas en 1916. No local da Irmandade da Coruña presentou en 1920 a súa primeira exposición individual. A súa obra gráfica quedou tamén plasmada en xornais galegos como Faro de Vigo, El Noroeste e no madrileño El Sol, así como nas revistas Alborada, Ronsel -da que foi director artístico- Alfar, Nós, Vida Gallega e na bonaerense Céltiga.

A apertura desta mostra enmárcase na programación preparada pola Xunta para sumarse á celebración os 18 de maio da edición número 38 do Día Internacional dos Museos cun programa con concertos, actividades teatralizadas, exposicións e obradoiros dirixidos a todos os públicos. Todas as actividades son de carácter gratuíto. Con todo, e dado que algunhas delas dependen do aforo dos lugares onde se desenvolven, a Consellería de Cultura recomenda que se consulten as páxinas webs destes museos ou o Portal de Museos da Xunta para comprobar as horas e se fai falta efectuar inscrición previa, así como os detalles máis pormenorizados. No portal de museos, http://museos.xunta.gal/ pódese acceder ás páxinas propias de cada un dos museos xestionados, segundo informou onte o Goberno galego.