Teatro Chévere presenta no teatro Rosalía de Castro, o venres e o sábado, a primeira produción da compañía desde que recibiu o Premio Nacional de Teatro, outorgado en 2014. A nova creación, Eroski Paraíso, simula a rodaxe dunha película documental.

A obra parte da análise e recollida de material desenvolvido na localidade galega de Muros, a través de vivencias da poboación da contorna sobre O Paraíso, que funcionou como sala de festas entre os anos 1972 e 1990 para despois transformarse nun supermercado.

A montaxe chega á Coruña despois da estrea, no mes de marzo, en Muros.

Pechará "por todo o alto" o ciclo de primavera do Rosalía, segundo apuntou o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, nunha rolda de prensa.