Mamá Cabra, unha das agrupacións pioneiras da música infantil en galego, atópase en plena xira de celebración dos seus quince anos. O seu espectáculo 15 primaveras chegará esta tarde ao Fórum Metropolitano en dúas funcións que terán lugar ás 17.30 e ás 19.30 horas.

A música e fundadora da banda Gloria Mosquera explica que "en 15 primaveras están incluidas as cancións que mellor funcionaron e que máis pediu o público nos concertos" ao longo de todos estes anos. A peza máis conmemorativa de Mamá Cabra misturará, como é habitual, o formato musical xunto co teatral.

Ao longo dunha ducia de discos, Mamá Cabra interpretou centos de cancións para entreter e facer reflexionar aos máis pequenos, incluíndo temas que abarcan desde a boa alimentación ata o "disfrute coa poesía". As entradas para asistir ao espectáculo da banda no Fórum poden ser adquiridas por 6 euros para o público xeral e por 2 euros para menores de tres anos.