Episodios da cultura científica

Cal é o destino do contido da conciencia tras a morte?

O doutor Roberto Nóvoa Santos iniciou hai cen anos a presentación das súas reflexións sobre a inmortalidade - 'Conectaría' o escritor Jorge Luis Borges con esas preocupacións do médico coruñés?

22.05.2016 | 03:04

Para José María Monterroso Devesa

En 1912 Roberto Nóvoa Santos (1885-1933) acadou a cátedra de Patoloxía na Facultade de Medicina da universidade compostelá. Acudiu a Estrasburgo para completar a súa formación e os anos seguintes dedicounos ao labor docente, clínico e investigador, que compatibilizou coa redacción da súa obra magna, o Manual de Patología, publicada entre 1916 e 1919. Unha moi intensa actividade que, sorprendentemente, aínda lle deixou tempo para atender a outros temas, como o da morte e da inmortalidade, que analizou á marxe da perspectiva relixiosa e con pretensión de racionalidade.

Con só 30 anos Nóvoa consolidou a súa sona de catedrático pouco convencional ao abordar por vez primeira esas cuestións nunha conferencia, Longevidad, muerte e inmortalidad, que ofreceu hai cen anos, o 21 de maio de 1916, nos salóns do Círculo Mercantil vigués.

Unha intervención singular

O médico coruñés acudiu á cidade olívica acompañado de varios alumnos seus e tres colegas, o tamén catedrático Alexandre Rodríguez Cadarso (1887-1933), que chegaría a ser Reitor da universidade compostelá; o doutor Gumersindo Sánchez Guisande (1894-1976), discípulo de Cadarso que exercía como profesor auxiliar interino en Anatomía, e José Devesa Núñez (1877-1946), profesional atento ás novidades que desenvolvía a súa actividade na Coruña, onde nese ano 1916 tomou posesión do cargo de Médico do Rexistro Civil.

Da conferencia coñecemos o texto publicado, que apareceu en tres edicións, dúas en 1916 e a terceira en 1926. Iniciase cun relato no que Nóvoa utilizou como recurso literario a un narrador omnisciente, coñecedor de todo, que describe o pensamento de "el viejo Nahum", nome que coincide cun dos profetas menores do Antigo Testamento, autor do Libro de Nahum, que falou sobre a destrución do imperio asirio. Coidamos que con esa introdución Nóvoa pretendeu atraer a atención do público e facilitar un resumo das súas teses; por outra banda, a utilización dun personaxe bíblico nun sentido diferente ao histórico e mesmo o estilo da súa exposición lembran ao uso que fixo Friedrich Nietzche, pensador seguido e admirado por Nóvoa, con Zaratrusta no seu célebre libro Así habló Zaratrusta (1883).

O catedrático abordou inicialmente o tema da vellez, que presentou como unha fase normal do ciclo da vida, consecuencia do esgotamento da "enerxía intrínseca" do ser humano. Falou dos aspectos positivos da morte e animou ao público a unha visión tranquila cara a súa chegada, pois, explicou, xeralmente non vén asociada á dor, e, segundo el, o ser humano debería saír ao seu encontro co desexo de fundirse con ela: "Cuando nuestros ojos vean claro desearemos la muerte y encontraremos en ella el primer placer de la vida". O intento de infundir calma fronte a morte lembra á intención de Lucrecio no seu poema De rerum natura (século I a. C.) pero Nóvoa situase, como veremos, nunha perspectiva diferente á do poeta e filósofo latino, que pretendeu tranquilizar aos seres humanos explicando que todo remataba cando morremos.

O destino da conciencia

Na parte final da súa intervención tratou o que consideramos elemento clave da conferencia, a posible continuidade dalgún elemento de cada un de nós despois da morte. Escoitemos a Nóvoa: "¡Pero queda todavía un enigma, amigos! ¿Qué es de nuestras imágenes, de nuestros recuerdos, de todo el tesoro espiritual acumulado? ¿Cuál es el destino de todo ese sistema de fuerzas sutiles que constituyen el contenido de la conciencia? ¿Flotan por ventura como espectros sutilísimos e invisibles en la fronda, y en el cielo limpio, y entre nosotros? ¿O se disipan con el último relámpago de la mirada y se disuelven en la misma fuente en donde nace la felicidad última y suprema?"

Profundas e transcedentes preguntas que atoparon unha resposta imprecisa: "Seguramente vagan entre nosotros y sobre nosotros como una luz que nunca se apaga". Nese sentido, explicou que todo ser humano contribúe a crear un patrimonio espiritual e engadiu: "Hay que considerar a la Humanidad como un individuo gigante e imperecedero, del que formamos parte como fragmentos aparentemente desligados, pero unidos en realidad por lazos indestructibles".

Continuidade no estudo do tema

Despois desa primeira manifestación pública das súas inquedanzas e reflexións sobre a morte e a inmortalidade, Nóvoa continuou coa análise das mesmas. Da vellez e a morte falou en 1919 no terceiro tomo do seu Manual de Patoloxía, porén obviou o tema da inmortalidade, consciente de que a cuestión, tal e como el a formulara ata ese momento, non tiña entrada nun texto técnico sobre Medicina, pois: "Lo que pasa después [da morte] interesa al filósofo". Malia esa afirmación incorporou este significativo parágrafo: "Si todo el complejo sistema de imágenes que integran la conciencia individual sobrevive a la disolución corpórea o si se disipa y extingue, degradándose en otras formas de energía universal, es una cuestión que no nos incumbe discutir desde el punto de vista estrictamente médico".

Ou sexa, o patólogo recoñecía as limitacións obxectivas que existían para validar cientificamente o expresado por el tres anos antes na conferencia, porén, manifestaba dalgún xeito a súa posición. Precisamente, na busca de dotala de base científica realizaría un notable esforzo intelectual neses anos; o resultado sería o libro, publicado en 1922, Physis y Psiquis. Fragmentos para una doctrina genética y energética del espíritu.

Houbo 'conexión' con Borges?

Un dos acompañantes de Nóvoa á conferencia de Vigo foi, como vimos, Gumersindo Sánchez Guisande. Iniciábase na docencia universitaria, na que desenvolvería unha brillante carreira profesional, como catedrático na área de Anatomía e, despois, decano da facultade de Medicina de Zaragoza, posto que deixou obrigado polo golpe fascista de 1936. Marchou a Arxentina e con outros exiliados galegos, como Luis Seoane, Rafael Dieste ou o médico Antonio Baltar, asistiu con regularidade ás tertulias que se celebraban no emblemático Café Tortoni de Bos Aires, reunións ás que acudían relevantes intelectuais arxentinos, entre eles Jorge Luis Borges. O grande escritor levaba anos elaborando unha serie de relatos, labor que colleu pulo entre 1941 e 1943 e deu como resultado so extraordinario libro El Aleph, aparecido en 1945. Os textos tiñan como temática común a morte, a inmortalidade e a incapacidade do ser humano para enfrontarse á eternidade.

Nóvoa e o escritor bonaerense coincidiron na atención que lle prestaron a eses temas, tamén compartiron unha valoración relativamente positiva da morte, se ben fronte á defensa do médico galego dunha certa inmortalidade, en forma de persistencia de elementos da conciencia, Borges, nun deses relatos, El inmortal, tratouna no ámbito da ficción como continuidade plena dalgúns seres humanos e nese sentido considerouna como unha opción rexeitable, pois entendía que cuestionaría elementos esenciais da vida, como a sorpresa, o irrecuperable e o azaroso. Nas biografías de Borges e o médico coruñés, de orixes, personalidades e traxectorias ben diferentes, hai outros elementos en común. Ambos, cada un ao seu xeito, mantiveron unha evidente distancia coas relixións institucionais e co sistema político vixente, probablemente porque de novos simpatizaron co anarquismo, un compromiso máis intelectual no caso do arxentino e con proxección práctica no do galego, e admiraron a autores que tiveron moita influencia como inspiradores dese movemento, como foron Arthur Schopenhauer, Max Stirner e Friedrich Nietzche.

Volvendo ao relato de Borges, El inmortal, hai unha circunstancia que o relaciona coa intervención de Nóvoa en 1916, o pouco frecuente nome dun personaxe: o doutor Nahum Cordovero. Si, como o vello Nahum da conferencia. Esa coincidencia permítenos, co debido respecto ás fondas preocupacións de Roberto Nóvoa, que especulemos un chisco, pois el nos convidou dalgún xeito, co seu exemplo, a emprender ese camiño nos temas que estamos a tratar.

Falaríalle Guisande a Borges no Tortoni daquela conferencia de Vigo, onde un peculiar profesor utilizou o nome de Nahum ao falar da inmortalidade? Ou, nunha opción menos verosimil porén que encaixa coa teoría do noso médico: morto Roberto Nóvoa en 1933, trasladaríanse algunha das imaxes da súa conciencia dunha a outra banda do Atlántico, atopando en Borges un receptor singular?

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Javier de Toro, jefe del servicio de reumatología del Complejo Hospitalario Universitario de A Coruña, responderá a preguntas de los lectores este jueves a las 11.30

 

 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine