O Goberno central atendeu a solicitude do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, para cambiar a redacción do decreto de bolsas no referido ao cómputo das construcións agropecuarias nos tramos de renda. Deste xeito, a Xunta consigue que o alumnado do rural participe na convocatoria de bolsas estatais en igualdade de oportunidades. A nova redacción do decreto de bolsas establece que a suma dos "valores catastrais das construcións situadas en fincas rústicas, excluídos o da vivenda habitual da familia, non poderá superar os 42.900 euros, sendo aplicables a ditas construcións os coeficientes multiplicadores, en función do ano no que se efectuara a última revisión catastral". É dicir que, a diferenza da redacción anterior, establécese un apartado específico para as construcións situadas en fincas rústicas e, tamén a diferenza do anterior texto e como ás construcións en fincas urbanas, aplícaselles un coeficiente redutor que evita que se eleve o seu valor catastral.

En calquera caso, ademais de aplicarlles este coeficiente redutor, as familias con construcións agropecuarias -galpóns, naves e outras instalacións para gardar apeiros e animais- terán para elas, así como as demais construcións en fincas rústicas que non sexan vivenda habitual, un tramo máximo de 42.900 euros. Pola contra, coa redacción anterior do decreto, o tramo máximo tanto para estas construcións como para as fincas rústicas -chan rústico- era de 13.130 euros, tendo en conta que non se lle aplicaban criterios redutores.