Un século dá para moitas historias e para avalar a capacidade de resistencia e adaptación de agrupacións artísticas que non sempre tiveron todo ao seu favor. Isto sábeno ben en Cántigas da Terra, unha formación musical que segue en pé a pesares de ter atravesado todo tipo de épocas. A agrupación vén de recibir o premio Pedrón de Ouro na súa quincuaxésimo segunda edición. Este galardón conta co obxectivo de recoñecer a labor daquelas persoas ou entidades que contribúen a espallar a cultura galega por todo o mundo.

A formación naceu no ano 1916 "nun contexto de explosión cultural, artística e galeguista, coincidindo cos primeiros movementos que trataron de potenciar a cultura e a lingua do país coma as Irmandades da Fala", tal e como explica o seu presidente, Hugo López. Se nos seus comezos a agrupación dispoñía dun carácter máis "intelectual", nos anos anteriores á Guerra Civil "comezou a abrirse ao movemento popular e obreiro", enriquecéndose deste xeito o abano de voces do que Cántigas da Terra dispoñía ata ese momento.

Foron os anos da contenda bélica os primeiros en poñer a proba a capacidade de adaptación da agrupación, segundo apunta López: "Nos anos da guerra, houbo figuras do coro que resultaron represaliadas e fusiladas, e o mérito de Cántigas foi aguantar, cando a outra opción era desaparecer. Da trintena de coros galegos que existían naqueles anos, despois puideron resistir tan só catro, os que agora se denominan como históricos".

A estabilidade política posterior á fin da ditadura franquista puxo á agrupación coruñesa ante unha nova proba de permanencia. O florecemento de asociacións culturais e o "boom do folclore" ao longo dos anos oitenta, aumentou a competencia das existentes ata ese momento, desembocando nunha nova etapa "complicada" da que a formación logrou saír adiante, mantendo a súa condición referencial para "os novos coros galegos que están xurdindo no país trinta anos despois, tratando de recuperar unha proposta escénica que mistura as voces, os instrumentos tradicionais e as composicións galegas de carácter culto".

Co obxectivo de conmemorar estes cen anos adaptándose con éxito ás vicisitudes históricas presentes en diferentes épocas, Cántigas da Terra prepara unha serie de actividades que se prolongarán ata o ano que ven, "tendo en conta que o coro se fundou a finais do ano 1916", como puntualiza López.

A programación do centenario dará comezo o próximo outono coa celebración do Ciclo de Coros Galegos Históricos, consistente en "reunir no Rosalía a diversas agrupacións corais da terra durante tres días". En cada unha das tres xornadas, Cántigas convida a "cada un dos outros tres coros históricos", ademais de a "outras formacións do eido folclórico ou musical galego".

Nos últimos anos, coa fin de adaptarse ao novo panorama musical galego, Cántigas da Terra "prescindiu dun dos tres coros históricos para incluir no seu lugar a un dos novos coros galegos que foron xurdindo nos últimos tempos". Como novidade neste ano de aniversario, Cántigas da Terra "pretende xuntar nun só día a eses catro coros históricos".

A actividades conmemorativas continuarán cun "festival que terá lugar o 1 de decembro no teatro Colón e que reunirá a antigos coristas de distintas épocas", unha celebración musical na que se porá enriba das táboas "a historia viva da propia entidade".

Coincidindo coa entrada do ano 2017, a entidade planea "organizar unha exposición no Kiosco Alfonso" na que se amosarán todo tipo de materiais procedentes do arquivo da agrupación, entre os que se atopan deseños escenográficos "pintados a man por artistas como Camilo Díaz Baliño", ou instrumentos antigos e históricos.