ÚLTIMA HORA
Desalojado el aeropuerto de Schiphol tras disparar la Policía a un individuo
Inventario de la biodiversidad municipal

"As principais ameazas da natureza son as especies invasoras e a expansión urbanística"

"Dá certo desacougo pensar en que cousas que estamos a estudar agora, igual dentro de cinco anos, non existen e que non se van substituír"

29.05.2016 | 01:47
Cosme Damián Romay, sen os prismáticos nos ollos, cos seus compañeiros de Hábitat.

O coordinador do Mapa da Biodiversidade do Concello da Coruña, Cosme Damián Romay, que é membro do Grupo Naturalista Hábitat, explica que as especies están ameazadas na cidade, non só polo urbanismo, senón tamén polos coches e polos veciños que, ás veces por descoñecemento, pasean cos seus cans por lugares protexidos molestando ás aves migratorias.

-Nestes datos do primeiro bimestre do Mapa da Biodiversidade clasifican as especies como invasoras ou de cultivo e domésticas, como vai evolucionando a cidade coas novas especies?

-Desde que o home é home está movendo especies, orixinalmente era por necesidade, por exemplo, o trigo, nalgún momento, antes do Neolítico era unha pranta herbácea que crecía silvestre na zona do Oriente Próximo e que se foi expandindo por todo o mundo.

-É o mesmo ser unha especie invasora que foránea?

-Non, algunhas son exóticas pero son perfectamente controlables, outras son consideradas cultivos, porque son aproveitadas para o consumo humano, outras son ornamentais porque as usamos para decorar. No caso dos animais utilizamos a palabra domésticos. Son unha fracción pequena do total de especies que hai na Coruña porque, aínda sendo unha cidade, a maior parte das especies son de aparición espontánea e natural.

-Que tipo de especies están a atopar neste estudo?

-A maior parte das especies son as chamadas ubiquistas, que están en moitos lugares. Ao ter A Coruña a dobre compoñente marítima e terrestre é moi interesante.

-Hai especies en perigo de extinción?

-Hai especies que están consideradas polo catálogo galego de especies ameazadas como vulnerables. Iso quere dicir que están no chanzo anterior ao perigo de extinción. Son especies que teñen un estado de conservación desfavorable e, se seguen actuando os factores negativos que teñen influencia sobre elas, en dez anos pasarían a estar en perigo de extinción.

-Que especies que viven na cidade están consideradas como vulnerables a nivel galego?

-O corvo mariño cristado. É unha ave que podemos ver por todo o litoral da Coruña e, incluso, desde hai un par de tempadas cría dentro do Concello, nun lugar confidencial. É un orgullo para os coruñeses.

-Por que agora cría dentro dos límites municipais e antes non?

-Porque atopou o hábitat axeitado para facelo. A Coruña, sorprendentemente para moita xente, ten furnas, ten cantís onde esta especie cría, ten peixe de rocha e, nese recuncho, ten tamén tranquilidade. Algo que non é doado nun concello que ten unha das densidades de poboación máis altas de toda Europa.

-E que outras especies vulnerables hai na cidade?

-A rá patilonga. Identificouse na cabeceira do río Mesoiro. Hai outras especies que están consideradas incluso de conservación desfavorable a nivel europeo como unha libélula, chamada a donceliña de Mercurio, que en Europa está bastante mal pero que en Galicia está ben. Habita nos pequenos regatos, encántanlle os que son de curso curto e que acaban no mar, así que, aquí, na Coruña, temos unha pequena poboación.

-Rexistran tamén as mascotas como cans e gatos?

-Si, aínda que o máis interesantes é o máis miúdo, porque non se coñece. Os que suman maior diversidade son os insectos. Porén, son ignorados e, moitas veces, tamén perseguidos. Teñen unha diversidade abrumadora que Hábitat non será quen de cubrir. Fixérase un estudo só de bolboretas, tanto nocturnas como diurnas na zona da Torre e contabilizáranse unhas 300 especies e falamos das bolboretas que mellor se coñecen. Imaxínate a diversidade que hai de pequenas avespiñas, de formigas, de chinches... O que facemos agora é unha pequena aproximación e unha chamada de atención á cidadanía para dicirlle que na Coruña tamén hai diversidade miúda.

-Que animais grandes hai na cidade?

-Hai mascatos, que é unha ave mariña que chega a ter 1,30 metros de envergadura, temos tamén aves de rapiña, como aguias. Aínda o venres se puido ver unha no polígono de Pocomaco. Hai árbores maxestuosas. Unhas das máis queridas polo grupo son as sobreiras que medran en Feáns. Sospeitamos que aínda hai algún albedro [madroño, en castelán], que é unha árbore máis propia das zonas mediterráneas que de Galicia. Pensamos que na Coruña ten que haber algún silvestre, o que pasa é que aínda non o atopamos.

-E os animais domésticos, como as galiñas e ovellas?

-Si, pero teñen que ser tratados a parte. Nós imos tomar nota de onde están pastando as ovellas e os cabalos, pero teñen unha importancia relativa. Se se repite este estudo dentro de vinte anos, veremos como cambiou o mapa. A cidade aínda conserva esa parte da Galicia rural con ovellas, galiñas soltas polas leiras..., maies eses terreos nos que se asentan esas aldeas son moi golosos para a expansión da cidade da Coruña, así que están ameazados.

-Que outras ameazas teñen as especies naturais na cidade?

-O outro día atropelaron un raposo preto da Casa del Agua. Hai raposos na Torre, así que seguro que atravesou toda a cidade para chegar alí. Probablemente fose polas praias. É unha especie que eu tiven a sorte de ver, por exemplo, en Berlín, en zona urbana revolvendo nos contedores de lixo, tamén hai en Londres e en Sudamérica. Igual tamén hai na Coruña raposos urbanitas. Pola zona sur do Concello hai moitos avistamentos destas especies, raposos, xenetas, donosiñas. Eu topei un ourizo atropelado na fonte das Pajaritas. Atropelaron tamén unha lontra [nutria, en castelán], un exemplar adulto, fronte á concesionario da Seat, en Alfonso Molina. Estes animais, penso que deben seguir ecos do pasado da Coruña. Esa lontra estaba moi preto do que antes era o río de Monelos.

-Cales son as zonas da cidade máis interesantes en canto á diversidade?

-Se vemos as zonas de natureza salvaxe que aínda quedan, son moi diversas e moi interesantes, como o monte de San Pedro, Cortigueiro, Nostián... A cabeceira do río Mesoiro é moi boa e a contorna da Torre é sorprendente. É unha zona relativamente pequena, moi achicada por un pasado de urbanismo potente, porque a parte de atrás do cárcere até hai pouco eran leiras de cultivo, Adormideras non existía como tal, as instalacións deportivas antes eran rudimentarias e agora son top class. Iso alterou o que sería o seu atractivo natural.

-Cal máis?

-Hai outra zona, que vai caír baixo o urbanismo dentro de pouco, que é A Gramela. Na baixada cara ao Ágora atopamos prantas que son raras noutras partes da cidade, pero esa zona está condeada. Dá certo desacougo pensar que, cousas que estamos a estudar agora, igual dentro de cinco anos non existen e que non se van substituír. A tendencia, tal e como é o ser humano na Coruña, é á expansión. Desde Hábitat intentamos identificar esas zonas de maior valor porque igual, dese xeito, se poden protexer dunha maneira efectiva, antes de que caian vítimas do cemento. Buscámoslle tamén un sentido.

-Que sentido?

-Imos intentar buscar como se conectan entre elas estas zonas de especial valor. De nada serve que teñamos zonas protexidas separadas unhas das outras se non hai un fluxo importante de animais e prantas de modo natural a través de corredores verdes.

-E como funcionan?

-Por exemplo, que o monte de San Pedro estea conectado coa zona de Bens. Aínda que pareza incrible, é posible porque existen ocos e funcionan como corredores verdes a día de hoxe. O que temos que ter é información para saber onde están e como funcionan. Ao construír un vial pola zona de dispersión das bolboretas morren moitísimas atropeladas. Isto non significa coller moito territorio senón saber que territorio se colle.

-Sobre este estudo, poderán tomar decisións na cidade, por exemplo, para a erradicación da herba da Pampa?

-Nós identificamos as ameazas. Á parte da expansión urbanística, que é a principal ameaza, tamén están as especies invasoras, como a unlla de gato. Son unha competencia desleal para as especies autóctonas. Por moi bonita que sexa, na Coruña non pinta nada, onde ten que estar é en Sudáfrica.

-Que máis perigos hai para a natureza?

-A presión humana relacionada co lecer. Están os coches e tamén os cans soltos. Agora calquera pode ir pasear coa súa mascota a calquera lado. Sabemos que se teñen ocasionado molestias as aves na zona da Torre ou de Bens por descoñecemento de que esas son zonas importantes na migración das aves.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine