Luz ás sombras da Coruña

O blog 'A Memoria do Cárcere' recupera a historia de Arturo Taracido, concelleiro coruñés entre o 31 e o 34, coa testemuña do seu fillo

30.05.2016 | 23:23
Debuxo que o arquitecto Jordi Tell lle adicou a Taracido cando coincidiron no cárcere da Coruña.

O paso pola prisión provincial do concelleiro, tenente alcalde e deputado Arturo Taracido é unha das últimas publicacións que recolle o blog 'A Memoria do Cárcere', impulsado por Carmen García-Rodeja, colaboradora da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica. A historiadora recupera feitos e lembranzas dos presos políticos e os seus familiares coa intención de rehabilitar e dar dignidade ás vidas dos represariados pola ditadura

O cárcere provincial garda unha memoria agochada que, con iniciativas individuais e colectivas, vai dando pequenos pasos para completar e dar luz ás sombras da historia da Coruña. É o caso do blog A Memoria do Cárcere, onde a historiadora Carmen García-Rodeja, colaboradora da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, conta as historias dos presos políticos que pasaron tempo entre paredes represoras a través de testemuños, debuxos, fotografías, vídeos e poemas que conforman unha sorte de grito para desafiar ao silencio. Unha das últimas publicacións lembra a Arturo Taracido, concelleiro da Coruña entre o 31 e o 34, despois tenente alcalde e vicepresidente da Deputación Provincial no 36. Foi a primeira persoa que entrou por oposición no Concello. Tamén foi membro das Irmandades da Fala, presidente do Casino Republicano e colaborador de A Nosa Terra.

"Non descoidaba nada. Estudiaba polas noites e traballaba de día. Durmía pouco. Espertaba ás seis da mañá e poñíase a ler. Na súa biblioteca hai máis de 3.000 volumes", explica o seu fillo Arturo, que tiña 12 anos cando apresaron ao seu pai. Taracido logrou escapar dos fusilamentos que tiñan lugar no cárcere, pero non dos paseos nin das humillacións a mans de militares. O seu fillo non recorda como foi a súa detención, só que o colleron en Lugo por pertencer a un partido político non permitido, ilegal.

No cárcere da Coruña, Arturo Taracido compartiu presidio, entre outros, co alcalde Suárez Ferrín, o poeta Antonio Quintas Goyanes, o xornalista Domingo Quiroga e o arquitecto catalán Jordi Tell, de quen conserva unha caricatura elaborada durante a súa estancia no cárcere.

Pero antes disto, en 1932, Taracido promovía desde a súa función pública máis escolas para os coruñeses ou a creación dun museo rexional coa catalogación de obras de arte. "Propongo que en los presupuestos municipales para el año 1933, se consigne una cantidad para la adquisición de obras de artistas coruñeses", recollen escritos do concelleiro Arturo Taracido que aínda conserva a familia.

Tamén se ocupou do porto coruñés pedindo ás axencias navieras que fixeran escala na cidade para facilitar aos emigrantes galegos en América a súa chegada a A Coruña. "El Concejal que suscribe se honra en proponer al Excmo. Ayuntamiento que acuerde, solicitando el concurso de las entidades económicas de la localidad, gestionar de las Compañías Navieras cuyos buques se dedican a transporte de pasajeros entre Europa y América del Sur, que sus vapores hagan también escala en el puerto de La Coruña en su viaje de regreso", reclamaba o concelleiro.

"El non tiña batallas. Nunca o escoitei queixarse do medo que pasaron no cárcere", relata o seu fillo ao tempo que lembra as visitas das milicias armadas chamadas Caballeros de La Coruña. Conta que ameazaban ás mulleres con fusiles e que no verán, cando Franco visitaba a cidade, o cárcere enchíase con máis presos.

"O irmán do alcalde, Julio Suárez Ferrín, estivo dez anos agochado nunha farmacia do centro e ao meu pai pasábanlle cartos os compañeiros de Laboratorios Orzán, onde traballara. Tivo sorte. Todo o mundo axudaba como podía", recorda.

Sobre o futuro, móstrase cauto. Non pide moito, só rehabilitación. Considera que se están a dar pasos axeitados aínda que tardíos. "Paréceme incrible que non se cambiaran os nomes das rúas ata agora", opina o fillo do concelleiro Taracido.

"O traballo que se está a facer é necesario para que a xente se mentalice de que estas cousas non conducen a nada. Que as ditaduras todas son malas", comenta antes de se preguntar a quen van indemnizar agora. Enseguida atopa as respostas en traballos como o blog A Memoria do Cárcere, que recolle a súa historia, a do seu pai e a dos presos políticos que pasaron polo cárcere provincial.

A intención desta serie de publicacións recollidas en internet por Carmen García-Rodeja parte de aprender do pasado para poder vivir o presente con dignidade e avanzar hacia o futuro con esperanza. Un desexo chamado A Memoria do Cárcere que moitos comparten na rede para que as súas historias sexan públicas e de todos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine