Organízalle unha homenaxe o 1 de xuño porque é o día no que naceu Luis Seoane. "Mellor celebrar o seu nacemento e todo o que nos deixou que a súa morte", explica Rosa Espiñeira Pan, que leva dez anos facendo un pequeno acto aberto ao público o 1 de xuño para reivindicar a memoria do artista galego. O deste ano será ás sete da tarde, na praza que leva o nome do intelectual e, como en anos anteriores, terá a literatura como fío conductor, así como a plantación de tres plantas de ruda e un allo verde, en referencia ao título dun dos libros de Seoane.

"Está aberto a todo o mundo que queira vir, haberá música co grupo os Noventa da Coruña e virán ler Xesús Alonso Montero, Manuel Lourenzo e Antonio López Mariño", explica Rosa Espiñeira. No programa está tamén a colocación dunha placa á beira do busto de Seoane.

"Non é como a que tiña [a orixinal desapareceu hai anos e foi substituída durante a anterior lexislatura por outra que tampouco resistiu o paso dos meses], pero é unha placa de madeira, en agasallo a Seoane", comenta a organizadora do acto e testamenteira do artista, que lamenta que a figura e obra deste intelectual galego non sexa máis reivindicada e difundida.

"Hai moi poucas pegadas de Seoane na cidade, hai este busto na praza Luis Seoane que se fixo por suscripción popular e a marabillosa biblioteca de arte que donou Maruja [a muller de Seoane] á Real Academia Galega para que os seus libros puidesen ser consultados", comenta Rosa Espiñeira.

"Eses libros están aí para todo o mundo, o que pasa é que a xente non o sabe", explica a organizadora do acto. Son arredor de dous mil exemplares de arte, en diferentes idiomas, en inglés, en francés, até en xaponés, dos que uns douscentos céntranse na obra de Pablo Picasso. "Seoane era un namorado de Picasso", resume Rosa Espiñeira, que o ano pasado fixo o seu agasallo arredor desta conexión entre Luis Seoane o pintor malagueño. Da fundación que leva o nome do intelectual galego considera que non cumpre a función para a que foi deseñada. "Non cumpre tampouco os desexos de Maruja, que era que a obra de Seoane estivese toda xunta para que a xente a puidese estudar e para que se puidese difundir", relata Espiñeira.

Destes dez anos de celebración da vida e da obra de Seoane, Rosa Espiñeira destaca que nunca ninguén lle dixo que non a participar no agasallo.