Coa chegada do verán, a lei da selva convértese en decreto lei. Polo menos en cuestión de terrazas. Espoleada polo bo tempo e os turistas, moitas rúas, especialmente no centro, padecen unha invasión de mesas e cadeiras de metal que por momentos chegan a dificultar algo tan simple como camiñar.

Por todos é sabido que a cultura da caña e pincho ao aire libre é patrimonio inmaterial dos coruñeses, pero unha saudable tradición adquire a categoría de incordio cando a rúa se transforma nunha barricada. O problema, cronificado nas cidades que son paso habitual de visitantes, ten difícil solución polos intereses que entran en conflito: os bares fronte aos peóns ou mesmo os veciños que padecen os decibelios de barullo.

Non axuda a clarificarse a alegalidade na que de facto se atopan as terrazas da inmensa maioría dos locais hosteleiros por culpa dunha ordenanza de requisitos incumpribles. Porén, mentres non se lle pon remedio, faise preciso rematar coa cultura da vista gorda e o ti vai facendo e poñer couto aos excesos de quen invade o espazo de todos para lucrarse.

Ninguén pode culpar aos empresarios de querer pechar o día cunha caixa máis abultada que o anterior, mais a Administración ten a obriga de velar porque o fagan respectando unha axeitada ocupación das rúas que priorice aos verdadeiros propietarios da cidade: os veciños.