As recentes declaracións do alcalde sobre o futuro dos peiraos da cidade aos medios de comunicación clarifica as dúbidas que os veciños da Gaiteira-Os Castros expoñiamos neste diario, LA OPINIÓN, o día 3 de abril. Sinalabamos os claroscuros que se derivaban da reunión de Fomento, Autoridade Portuaria e Goberno municipal da Marea. Sinalabamos tamén que se está a furtar o debate e a información directa á cidadanía, e que os vecinos dos Castros si temos unha proposta urbana e industrial para a zona (reseñada na citada colaboración do periódico).

Mais o Goberno municipal está a seguir as propostas urbanísticas de Fomento, que son as do Goberno do señor Rajoy, que son as do anterior alcalde, señor Negreira, e que son, o principio e o fin, as de Francisco Vázquez e o grupos especulativos da cidade. Vaia, nada que ver coas propostas iniciais da Marea: unha suposta cidade de urbanismo amabel e participativo, o comezo do asalto aos ceos.

O Goberno municipal está a retroceder ante a ofensiva política de Fomento e demostra que carece dun modelo de cidade: non sabe que facer cos peiraos da Coruña e non sabe abrir o debate á cidadanía para recabar o seu apoio. Así, está a repetir o modelo deseñado por Francisco Vázquez, desenvolvido nun modelo de centro urbano escaparate e sobrevalorado, un espazo de paseo e lecer, un espazo financieiro do diñeiro e o comercio, deseñado como espazo de uso cívico banal e despersonalizado. Estes espazos teñen sempre un custo social cero para os especuladores e os custos monetarios repártense entre todos os veciños. Fronte a este espazo están os barrios sobredensificados e funcionalizados, furtados das vistas fotográficas da cidade, concebidos como espazo dormitorio e acumulativo, espazo de deseño sobrio e utilitario, de uso intensivo na sua circulación. Evidentemente, os custos sociais os pagan os veciños e os beneficios os recaudan os construtores ou os especuladores.

As declaracións do señor alcalde confirman estas afirmacións. Mercar con cartos públicos uns terreos no centro (Solana, Finisterre e peiraos da Batería e Calvo Sotelo) para manter a cidade-escaparate-fotográfico e do diñeiro, e permitir á Autoridade Portuaria vender libremente os peiraos do Centenario, San Diego e Oza para especular e obter unha morea de cartos. Custos sociais para os cidadáns e todos os beneficios monetarios para que a Autoridade Portuaria poida saír do despilfarro e descontrol do gasto no porto exterior. Iso si, desfacendo o tecido portuario da cidade. Non é pura especulación?

E todas estas propostas do Goberno municipal están furtadas aos veciños. Prodúcense en declaracións aos medios, coa sua ambigüidade calculada nas palabras ("permuta", "uso público", "adquisicións", "non centro comercial", e o clásico "xa veremos"?), vellas palabras da vella política.

Non se trata só de denunciar estas actuacións, senón de ofrecer propostas concretas. No artigo xa citado de LA OPINIÓN, ao lado das propostas concretas de desenvolvemento, solicitabamos dúas aclaracións: se mantiñan a súa promesa de opoñerse á venda dos peiraos da cidade (para a que nós ofreciamos esas propostas concretas) e debater cos cidadáns o futuro dos peiraos. As palabras do alcalde xa respostaron: están de acordo con Fomento e coa Autoridade Portuaria en vendelos, e non están a informar e debater coa cidadanía sobre o tema.

Estamos dispostos a debater en calquer medio, e que esto sirva como principio dun debate público e aberto ás propostas do Goberno municipal. Coidamos que debe fuxir do inferno da vella política, e apoiado nos movementos cívicos, tocar o ceo coa punta dos dedos.