-Por que uns orzamentos participativos para 2017?

-Esta iniciativa enmárcase dentro do programa participativo A Porta Aberta, co que queremos que as decisións relevantes as tome a cidadanía. Este é un proxecto piloto co que por primeira vez a veciñanza decidirá directamente o destino dun millon de euros, aínda que no futuro aspiramos a aumentar esta cantidade. A proposta que facemos parte dunha análise profunda doutros modelos e procesos internacionais, aínda que obviamente adaptada á Coruña.

-Un millón non chega a un 4% do orzamento de investimentos de 2016. Non é pouco?

-Penso que non. Na capital de Islandia, Reykjavík, que é unha referencia, están xestionando deste xeito 1,5 millóns de euros. En Lisboa ou Guimarães están agora rozando o millón de euros despois de comezar con 100.000 ou 200.000 euros. Non é tanto o canto como o como. Cun millón pódense facer moitas cousas e a nós tamén nos serve para facer certa pedagoxía entre a cidadanía sobre como funciona un orzamento.

-A canto prevén aumentar esta cantidade no último ano de mandato?

-Imos ver como funciona cun millón de euros e a partir de aí poderemos analizar unha subida.

-Ao decidir os veciños, pode ser que só gañen proxectos dos barrios máis poboados. Haberá algunha medida correctora?

-Non está previsto. Entendo a alerta pero tamén creo que temos que ser capaces de pensar nunha lóxica de cidade, de ben común, e que exista un equilibrio entre os barrios, cousa que na Coruña nos últimos anos non aconteceu porque se priorizou o centro. De todas formas, unha vez teñamos os distritos, este proceso vincularase a eles e xa poderemos falar de partidas de distribución económica territorial para os orzamentos participativos.

-Que pasará cos proxectos que reciban moitos votos pero non os suficientes para incluirse no orzamento?

-O Concello vai ser sensible con esas situacións e obviamente queda moito orzamento pendente por destinar. Se por exemplo saen elixidos proxectos de zonas máis céntricas ou que xa concentran máis gasto e quedan fóra intervencións noutros barrios, seremos sensibles con isto.

-Di que o que se vote será incluído pero este proceso aprobouse sen o consenso do resto de partidos. Partindo diso, que garantías hai de que na fase de negociación non se sacrifiquen eses proxectos?

-Agardo que os grupos da oposición sexan coherentes co momento que vivimos, no que as políticas de participación son inevitables.Ninguén debería poñer en cuestión un proceso coma este cando todos os partidos nalgunha ocasión foron partidarios de algo así. Estámonos apoiando nunha normativa de hai máis de 12 anos, como o Reglamento Orgánico de Participación Cidadán (ROPC). Os que nunca fixeron ningún proceso participativo cando tiveron oportunidade agora estannos atacando a nós por facelo.

-A propósito do ROPC, no seu programa propoñían a súa reforma. Por que non se cambiou?

-Estamos traballando nesa modificación pero tamén entendemos que é importante activar programas de participación. Que nos apoiemos nun regulamento vixente non quere dicir que a súa modificación non siga na nosa axenda. Se non se fixo antes é porque temos un montón de traballo que facer. Unha vez poñamos en marcha este proxecto, seguramente un dos seguintes pasos será poñernos a traballar na modificacion do regulamento.

-No programa tamén falaban de activar o Consello Social como un organismo central. Que avances hai con iso?

-A configuración prevista pola actual normativa para ese Consello Social é todo o contrario a un grupo operativo de traballo. Responde a lóxicas antigas e non ten sentido convocalo até que non se modifique o regulamento porque non ten unha funcionalidade clara.

-Van xa catro sesións de Dillo ti [o programa de encontros nos barrios do Goberno cos veciños]. Que cousas lle cambiaría?

-Todavía precisamos rematar o ano para poder facer balance e pensar que mellorar. En todos os barrios aos que fomos houbo unha participación masiva e iso demostra que había unha necesidade real. É un espazo que está a funcionar perfectamente, que tivo moito ruído mediático pero cómpre dicir que, en todos os procesos que estamos activando, todos os gastos que se plantexan son necesarios, e non supérfluos, para que poida participar todo o mundo.

-O PP reclama un espazo para que fale a oposición nestes encontros. Que lle parece?

-A oposición nunca tivo tantos espazos de participación como agora. No Dillo ti entendemos que o lóxico é que sexa o Goberno municipal o que se atope cos cidadáns para rendir contas ou tomar o pulso á cidade. Se a oposición participase, cambiaría a natureza do acto e sería outra cousa. Si que estamos a traballar, por exemplo, na realización de plenos fora dos concellos, e aí lóxicamente si podería haber unha participación plural da Corporación. Pero iso xa é outra natureza totalmente diferente.

-Na Comisión de Participación PP e PSOE votaron a favor de celebrar plenos fóra e aínda non se celebrou ningún.

-Votouse a favor dunha proposta que rachou co que viñamos consensuando nas semanas anteriores. Deslexitimábase un traballo que se viña facendo entre os catro grupos ao traer unha proposta diferente.

-En que puntos se rompeu?

-Nunha esixencia de datas, de formato... Ademais, iso coincidiu coa enmenda pactada de PP e PSOE, que nos deixaba sen financiamento. Non me podía comprometer a nada do que ese documento dicía sobretodo pola situación na que se me estaba deixando.

-Hai veciños que protestan polas horas nas que se celebra o Escano Cidadán. Hai previsto algún cambio?

-O único cambio posible é cambiar o horario de todo o pleno. Iso é algo que se podería estudar a futuro se houbese un consenso por parte dos grupos municipais. Sabemos que eses horarios son unha molestia para a veciñanza pero tamén estamos vendo que a participación se incrementa. Tamén hai que ter en conta que o escano se enmarca dentro dese dereito ao rogo e á pregunta, que está restrinxido ao final do pleno no actual ROPC.

-O alcalde recoñeceu que Participación foi unha das áreas máis prexudicadas nos orzamentos. Sente que se sacrificou a súa concellaría para chegar a un acordo?

-A oposición fixo un ataque premeditado contra unha concellería que busca que a veciñanza entre a formar parte das políticas públicas. Parece que teñen medo a esa potencia. Pero o orzamento é moito máis que unha concellería e o que fixemos foi ser responsables. Recoñezo que estamos nunha situación difícil pero somos unha concellería transversal e, coa colaboración doutras áreas, seguiremos facendo o noso traballo. Simplemente nos incitan a facer máis inventiva.

-Pero gustaríalle que algúns dos seus investimentos tiveran sido unha liña vermella?

-Nós reiteramos a necesidade destas políticas pero para quen foi liña vermella foi para o PP e o PSOE, que se dedicaron a suprimir todas as dotacións que contasen coa palabra participación.

-A pesar da inventiva, que cousas non se poderán facer?

-Teremos que medir moito que poñemos en marcha. Os orzamentos participativos, por exemplo, sabíamos que serían prioritarios. A dificultade xeral vai ser non poder contar con persoal especializado que nos dea apoio, sobretodo nunha concellería na que xa somos poucos. Na iniciativa das antenas de informacion xuvenil, por exemplo, quítasenos a posibilidade de facer a beca, aínda que estamos analizando alternativas.

-Despois das achegas veciñais para facer un mapa de distritos, cando terá o Concello a súa proposta finalizada?

-Agardamos ter unha proposta ao longo deste ano, aínda que o informe final no que se baseará o presentaremos nas próximas semanas. Será un documento moi completo e moi relevante.

-Que tal é a relación do Concello co tecido veciñal?

-É unha relación, boa e estable. Nos orzamentos participativos convidámoslles a que teñan un rol importante no proceso entendendo que son tamén espazos de participación. Tratamos de contribuír a esa actualización do tecido, que moitas voces reclaman, no que ten que ver coas políticas de participación.

-Están as asociacións da cidade secuestradas polos intereses dos partidos?

-Houbo unha tutela moi importante por parte da administración e algúns partido pero que tamén houbo, aínda que dun xeito máis invisible, un tecido mais autónomo. Hai unhas relacións e uns hábitos establecidos que entendo que non se corresponden co momento actual. A administración e os partidos deben respectar a autonomía dese tecido social.