A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, aposta por reforzar a cultura emprendedora na escola, promovendo a innovación e a creatividade dos nenos e nenas, e favorecendo tamén o contacto directo do alumnado co tecido produtivo que os rodea. Estes tres eixos forman parte dos obxectivos do programa Atrévete da Consellería orientado a alumnos de 5º e 6º de Educación Primaria e de 1º e 2º de ESO para estimular o seu espírito emprendedor. A iniciativa ten dúas partes. Por un lado, organízanse visitas a empresas e a asociacións de empresarios, para o alumnado de ESO, e visitas a CIFP para os estudantes de Primaria. A segunda parte de Atrévete consiste en buscar unha idea de negocio e redactala como máximo en dous folio. As mellores propostas deste curso en cada zona recibiron a semana pasada os galardóns Atrévete a dar unha idea!. Na área da Coruña resultaron galardoados José Luis Martínez Rojo, do CEIP Xesús San Luís Romero, de Carballo; e Clara Brage Amado, do CPI Plurilingüe Virxe da Cela, de Monfero, na categoría de 6º de Primaria. Na de 2º de ESO recolleron o seu premio Juan Vázquez González, do CPR Plurilingüe Andaina, de Culleredo; e Martín Regueiro Golán, do CPI Plurilingüe O Cruce de Cerceda. Na zona de Ferrol foron premiados, na categoría de 6º de Primaria: Sofía Sixto Pérez, do CEIP Recimil de Ferrol; e Adrián Martínez Tornín; do CPI A Xunqueira de Fene. En 2º de ESO, as galardoadas foron Marta Fernández Feijoo e Paloma Eiroa González, do IES Fernando Esquío de Neda.