-Mañá cumpre un ano como "intruso" en Maria Pita. Gobernar era como agardaba?

-En realidade non tiña referencias previas así que non podo dicir se era como agardaba. Foi un ano intenso, de moito traballo, pero creo que xa estamos instalados nas rutinas e traballando para levar á práctica o proxecto político que nos trouxo aquí. Hai cousas que aínda hoxe me sorprenden, como a repercusión mediática que tivemos máis alá da cidade. O cambio de vida, a perda do anonimato e a presión interna que existe tamén son complicados.

-Como leva o de encaixar as críticas e someterse ao escrutinio público?

-Non o levo mal. O 99% da xente que te saúda pola rúa é moi agradable e moi educada. Quizais o que peor se leva é o trolleo nas redes sociais, cando a xente te insulta directamente. En canto ás críticas, algunhas teñen razón de ser e outras forman parte do puro descoñecemento ou do hooliganismo. Eu trato de aprender das que se fan con boa vontade e tamén de ter humildade para recoñecer as cousas que non se están a facer ben.

-En abril, trala aprobación inicial do orzamento, dicía que estaba moi pesimista, que non vía sinais de reconducir a situación. Ve mellor as cousas agora?

-Sigo sen ser moi optimista en canto á reconstrución das relacións co PSOE porque tampouco se viu ningún avance significativo. Un día o PSOE decidiu erguerse da mesa de negociación e aínda non volveu. Nós pensabamos que podería haber unha interlocución máis fluída e irmos da man na execución do orzamento, pero eles optaron por meter os seus proxectos á contra e non negocialos. Estes días tratamos de dar pasos en asuntos concretos e non houbo receptividade.

-Que asuntos?

-Desde o viveiro de empresas do Papagayo á modificacion orzamentaria do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE). As cousas non están sendo doadas ou como deberan ser.

-Como resumiría os eixos do cambio social que di que achegou a Marea ao Concello?

-Os eixos do cambio tiveron que ver cunha relación diferente entre o Concello e a cidade, tratando de ter máis interlocución con sectores que até o de agora non a tiñan. En segundo lugar, abrir os procesos de participación cidadá máis alá do tecido asociativo, co que seguimos tendo unha relación fluída. Aí temos o Escano cidadán, o Dillo ti, a Porta Aberta ou os orzamentos participativos. Houbo cuestións máis simbólicas pero ao longo deste ano veremos cambios políticos, como os que teñen que ver cun maior investimento en Servizos Sociais, dentro dos que a renda social municipal vai ser o grande mascarón de proa. E non só iso, tamén as políticas educativas, como os investimentos nos colexios, que este ano ascenden a un millón de euros. A nivel medioambiental fixéronse esforzos para eliminar puntos de verquido á ría que levaban anos sen control. Estamos tendo sensibilidade con temas cos que até o de agora o Concello non era tan sensible.

-A partir de outono acabará o marasmo do ciclo electoral. Por que quere que se recorde a este Goberno despois de catro anos?

-Temos o reto de que todas esas innovacións e mecanismos de gobernanza e participación se volvan irreversibles. Se funciona ben, o Dillo ti debe ser algo que, aínda que cambie o Goberno, a xente siga reclamando e sexa difícil de eliminar. O outro grande reto deste segundo ano serán as políticas de mobilidade. Temos que construír as bases dunha mobilidade diferente, que faga unha cidade máis vivible e eficiente á hora de respectar o medio ambiente. En terceiro lugar, temos retos enormes co urbanismo, que está totalmente hipotecado polo pasado. Debemos sentar as bases dunha planificación urbana máis acompasada cos tempos, co respecto ao común e ao territorio.

-A oposición critícalle que toma moitas medidas sen chegar a acordos. Debería consensuar máis as súas decisións?

-O que non se pode é utilizar a maioría no pleno para negar as competencias que ten un Goberno. Nós sempre buscamos apoios para os asuntos que ían a pleno pero negóusenos lexitimidade para gobernar. É posible que nalgúns casos tivésemos que facer un maior esforzo negociador pero teño que recoñecer que en moitas ocasións vinme bloqueado pola falta de receptividade na outra parte. Os orzamentos foron un asunto clarísimo. O diálogo ten que partir dun respecto e de entender a lexitimidade do goberno para exercer as súas funcións. O PSOE o que pretende é gobernar sen estar no Goberno.

-Intente facer un exercicio de síntese. Como definiría á portavoz do PP, Rosa Gallego?

-É unha muller moi traballadora e intelixente pero fáltalle altura e cintura política.

-E ao do PSOE, José Manuel Dapena?

-É unha persoa moi do PSOE pero non ten as ideas claras sobre cara a onde quere conducir ao grupo socialista da Coruña. Fáltalle liderazgo dentro do grupo municipal.

-E á do BNG, Avia Veira?

-É unha persoa moi traballadora, que ten un papel moi difícil no Concello ao ser a única concelleira. É unha persoa razoable coa que é doado entenderse aínda que ás veces os criterios dos que partamos sexan dispares.

-Colectivos veciñais din que a cidade está paralizada, sen obras. Comparte esa impresión?

-O primeiro ano dun mandato sempre é no que menos visibilidade externa ten un Goberno. Que demorásemos a aprobación dos orzamentos durante este ano, sumado a que nos do ano anterior a maior parte do investimento xa estaba executado, impediu que comezasen as accións máis visibles. Agora xa estamos comezando a actuar. A semana pasada comezou o parking do Ágora, hai previstas entre 50 e 60 actuacións neste ano, máis as reformas nos colexios, o carril bici... Incluso teño medo a que agora cambie o comentario e se nos reproche que temos toda a cidade levantada.

-Na campaña criticaron duramente a obra da Marina. Agora defenden que é un espazo gañado para a xente. Visto co tempo, cre que se excederon coa crítica?

-Nun mundo de recursos infinitos, seguramente tivese menos críticas. A cuestión é se todos eses recursos que se gastaron aquí tiñan unha rendibilidade social suficiente como para xustificar o investimento. Agora a obra está feita, o diñeiro está gastado e temos que lograr que redunde nun maior beneficio para os veciños e os visitantes.

-Cando comezará a dar o Concello as licencias das terrazas aos hosteleiros?

-A Concellería de Mobilidade está traballando para chegar a acordos cos hosteleiros nas zonas máis conflitivas e que non teñamos que recurrir á política sancionadora senón á política de consenso.

-Pero non teñen prazos?

-Ás que vaian entregando toda a documentación correcta iremos dándollas.

-En varios encontros cos veciños houbo queixas pola lentitude á hora de dar licenzas de negocios. Cal é o problema?

-Cando chegamos tratamos de revalorizar o servizo, introducindo criterios novos e sendo moi respectuosos coa legalidade. Atopamos un problema conxuntural de falta de persoal e iso, sumado a asuntos que viñan de lonxe como o edifico Conde de Fenosa, ralentizou o funcionamento do departamento. Agora xa reforzamos o persoal e o ritmo de concesión de licenzas é o normal.

-Na campaña prometeran cambios no PXOM polo ofimático e Adormideras. Por que non houbo ningún cambio?

-Ambos temas son moi complexos. Entendo aos veciños de Elviña afectados polo ofimático. Desde o primeiro día traballamos nunha solución, como garantir aos afectados da marxe dereita que poidan continuar vivindo no seu núcleo. En segundo lugar, tamén traballamos para aliviar as cargas financeiras das cotas de urbanización, e eu creo que estamos chegando a unha solución que xa se lle comunicou a parte dos afectados. A maiores está a anulación do contrato das obras de urbanización, que abre unha vía moi complicada para rematar iso. Estamos traballando na modificación do planeamento pero, repito, non é sinxelo. Quero que os afectados saiban que esta é unha das nosas principais preocupacións e, persoalmente, é unha das cuestións que teño na cabeza todos os días. No que se refire a Adormideras, nós comprometémonos a cambiar o PXOM e que non se urbanizase alí, pero neste momento hai asuntos que están complicando as cousas, como as sentenzas dos propietarios da Agra de San Amaro, que temos porque as cousas non se fixeron ben durante os gobernos de Paco Vázquez e o bipartito. En todo caso, son compromisos nosos e cumprirémolos.

-Presumen de que o Estado acepta negociar os peiraos pero vostedes tamén aceptan comprar. Non é iso unha marcha atrás con respecto ao que sempre defenderon?

-As cuestións non son brancas ou negras. A nós gustaríanos garantir o uso público deses terreos. Nese contexto, temos á Autoridade Portuaria cun problema financeiro moi grande e nós entendemos que hai uns convenios asinados que xa non valen para reordenar esa zona. Estamos dispostos a estudar fórmulas que asuman que ese marco dos convenios non é válido aínda que a cambio tiveramos que axudar, dentro dos límites do razonable, a aliviar o problema financeiro que ten o Porto. Pero desde logo, toda esa carga non pode recaer na cidade nin na venda deses terreos.

-Faga autocrítica. Que erros cometeron neste ano?

-A todos nos gustaría ir máis rápido do que vamos nalgúns asuntos como o do ofimático. Un erro foi non ter calibrado ben a nosa relación co PSOE e pensar que ía ser máis doada só por compartir valores programáticos. En canto a medidas concretas, sempre que nos equivocamos, rectificamos. Un exemplo foi o do calendario fiscal. Equivocámonos, non na medida pero si na súa temporalización e comunicación. Aí asumimos que cometemos un erro, que non queriamos causar problemas ás persoas que non tiñan marxe de tempo para prepararse para ese cambio e adiámolo un ano para non causar problemas. Non é unha debilidade rectificar cando algo non se fai ben.

-Cre que se lles están a perdoar erros por seren os novos?

-Hai unha comprensión que parte do realismo. As capacidades de transformación do Concello son as que son e creo que fomos bastante comedidos á hora de facer promesas realistas. O noso nivel de cumprimento electoral é moi elevado, con máis do 30% das medidas xa feitas e máis do 55% en marcha. Eu creo que iso a xente percíbeo.

-Pódese gobernar para todos ou é un cliché incumprible?

-A obriga cando un é alcalde é intentar tomar medidas desde as maiorías sociais. Para todos? Ao mellor non para todos. Ao mellor ese 1% pode sentir que ás veces non é para eles. Non se pode gobernar desde unha minoría social e iso é o que nós estamos tratando de facer. Hai asuntos como os da memoria histórica ou o laicismo que son medidas amplamente aceptadas e que estamos impulsando.

-Gobernar tróuxolle amigos ou inimigos inesperados?

-Hai persoas ás que non coñecía e coas que agora teño unha amizade estreita, como pode ser o alcalde de Santiago, Martiño Noriega. Tamén te atopas con xente que está en posicións ideolóxicas opostas pero coa que consigues ter un bo feeling persoal. Isto aconteceume coa ministra de Fomento, Ana Pastor.

-Criticaban que nesta cidade sempre se gobernou para as elites. Insinuáronselle algunha vez para que tomase algunha decisión que os beneficiase?

-Nunca, non recibín ningún tipo de presión nin proposición deshonesta. Sei que hai outros alcaldes aos que si que lles pasou desde o primeiro mes, pero a min non.

-Benefícianlle electoralmente as críticas do alcalde de Vigo, Abel Caballero?

-Desde logo, non creo que nos prexudiquen porque, en xeral, a xente sabe de quen veñen e por que veñen. Eu creo que hai unha estratexia de criticar a quen cres que é o inimigo máis forte e certa obsesión de Caballero polos gobernos da Coruña e, en concreto, comigo. Eu en todo iso tratei de non entrar porque entendo que a relación entre Vigo e A Coruña debe ser outra. A min dame rabia non poder ter unha relación fluída con Abel Caballero, pero el é como é e decide situarse aí.

-Mantén algún contacto ou consulta asuntos cos exalcaldes?

-Non hai unha consulta de xestión ou cuestións políticas. Manteño unha relación cordial no persoal con Javier Losada. Con Carlos Negreira non teño ningún problema aínda que non coincidimos nunca. Con outros alcaldes, como Francisco Vázquez ou Liaño Flores, coincido en actos protocolarios e a relación persoal é correcta.

-Como é a relación do Concello coa Xunta?

-Non é boa. Feijóo entende que as Mareas son o seu inimigo político principal e ten unha estratexia de bloqueo institucional e desinvestimento. O caso da estación intermodal ou do centro de saúde de Santa Lucía é clarísimo. A Xunta non acudiu ás ultimas tres reunións que fixemos sobre isto.

-Cando naceu, a Marea dicía aspirar a converterse nun movemento social forte na cidade. Perderon músculo social tras chegar ao Goberno?

-É difícil manter o nivel de tensión e efervescencia da campaña, pero a Marea segue funcionando. Todas as semanas hai actividades no local, a Rede segue funcionando cunha asistencia normal, e as mareas sectoriais seguen facendo traballo e reuníndose. Estamos en María Pita pero respondemos diante da Marea. A todos nos gustaría que tivese máis actividade pero a vida institucional consume moito tempo. Se cadra, sendo un pouco autocríticos, poderiamos estar coidando máis á Marea, aínda que o nivel de funcionamento entendo que é aceptable.

-Que Goberno cre que debe saír das eleccións do 26-X?

-Eu creo que hai unha maioría electoral que aposta por un cambio baseado en políticas para as maiorías sociais. De entre eses votantes, uns deciden votar a Unidos Podemos e outros ao PSOE, pero en conxunto son moitos máis que o PP. En decembro non houbo un goberno que reflexase esa expresión electoral por un erro do PSOE de achegarse a Ciudadanos, pero eu agardo que esta vez non volva ocurrir.

-Marea Atlántica apoia pero non se integra en En Marea. Cal é o problema?

-Entendemos que hai que trascender a fórmula da coalición e abrir ese espazo a máis actores sociais e ás mareas municipalistas. Iso non está sendo todo o fácil que debería. Por iso a Marea Atlántica e outras mareas iniciaron as Mareas en Común, non como unha impugnación a En Marea senón como un intrumento para ampliar a coalición.

-Teme que, no medio e longo prazo, o movemento das Mareas se convirta nunha sucursal de Podemos en Galicia?

-En Galicia hai un suxeito político propio, do cal Podemos Galicia é unha parte. Temos sustantividade propia para que ese suxeito sexa netamente galego ou nacido aquí e iso paréceme que é irreversible.

-As eleccións galegas serán en outono e aínda non se sabe nin como se presentará o espazo das mareas, nin quen será o candidato, nin cal será o programa. Non é unha irresponsabilidade estar así a estas alturas?

-Hai bastante traballo avanzado en canto a programa e candidatura. Mareas en Común fixo unha proposta metodolóxica que é unha ferramenta que pode servir para lograr unha candidatura na que todas as partes se sintan representadas. O cabeza de lista é algo que se pode anunciar pronto, non é o traballo máis importante.

-Contemplan que Mareas en Común se poida presentar en solitario se non hai acordo co resto de En Marea.

-Iso é imposible, non pode haber dúas candidaturas competindo por un mesmo espazo politico. O que pretendemos é poñer riba da mesa os instrumentos metodolóxicos para conformar unha candidatura o máis participada posible. Iso é algo que non se está logrando desde a mesa coordinadora de En Marea polas propias dinámicas que a coalición ten.