Polas súas connotacións xudiciais os episodios relacionados co edificio Conde de Fenosa teñen a virtude de complicar todo canto teña que ver co seu futuro. É obrigado pensalo así cando as resolucións xudiciais e as declaracións provintes dende o Pazo de María Pita parece que non afectan aos culpables, aínda que poden fastidiar aos cidadáns en forma de ter que costear o cúmulo de despropósitos e irregularidades urbanísticas cometidas para beneficiar á entón intocable Fadesa. As repercusións no terreo económico non son, xa que logo, menores.

O último fallo do Tribunal Supremo é categórico: só recuperando o estado orixinal que tiña o inmoble en 1997 poderá devolverse a edificación á legalidade. É unha versión retrospectiva da longa lista de conflictos urbanísticos que os cidadáns cargamos ás costas froito do egoísmo corporativo ou a permisividade política que se envolveron na cantinela amplamente propagada da defensa da Coruña como unha cidade Estado para envidia de outras. A impotencia dunha planificación urbana desbordada polas presións inmobiliarias derivadas da orxía especulativa da época desembocaron no urbanismo irracional e maltreito que herdamos.

Fadesa incrementou o volumen de edificabilidade en 2.500 metros cadrados, circunstancia que lle reportou sabrosos dividendos extras, violando o PGOM da época, coa permisividade ou aquiescencia da Corporación municipal presidida por Francisco Vázquez. É comprensible a indignación de moitos cidadáns, que debera ser a de todos, por canto todos somos os que pagaremos as consecuencias resultantes. Mentres tanto, algúns dos responsables ascenderon ata as luxosas dependencias institucionales do Valedor do Pobo ou disfrutan o seu retiro advertindo dos perigos de non votar aos de sempre, isto é, a quenes transformaron ó cidadán en simple espectador pasivo, principalmente ós máis débiles.

Dende a lóxica e dende o entendemento común, aínda que sexan os responsables municipales os que teñan que asumir a representación da cidadanía e as responsabilidades históricas, alleas a súa xestión, non é posible polo mesmo pedir a cidadanía que se inhiba ou non participe na toma de decisións nunha cuestión que lexitimamente e de todos. Non pode vivir en paz unha cidade na que a legalidade urbanística -a súa letra e o seu espíritu- é desvirtuada, cando non vulnerada, pola propia administración municipal.

O que certamente queda simbolizado polos varapalos xudiciais é un conxunto de acontecementos que están afectando negativamente á cidade. O urbanismo demanda un cambio de comportamento no que prevaleza o interese social e o do común por riba de intereses especulativos e mercantilistas, como a venda de patrimonio público. Porque, en definitiva, é un problema que acabará afectándonos a todos.