A directora da Torre de Hércules, Ana Santorum, asegura que o reto máis inmediato ao que se enfronta o faro, que cumpre sete anos do título da Unesco, está neste verán, xa que hai prevista máis afluencia de público que o ano pasado. A longo prazo, asegura que o obxectivo está en seguir existindo e en difundir a súa importancia alén da Coruña.

-A Torre cumpre sete anos como patrimonio da humanidade, como o van celebrar?

-No que queda deste mes, vanse rematar os concursos de fotografía e de vídeo que se están a desenvolver nas redes sociais. O sábado e o domingo, como xa é costume, haberá no entorno da Torre de Hércules actividades de recreación histórica. Contamos coa colaboración dos Royal Green Jackets e dos recreadores de Galicia, que se caracterizarán como romanos e, este ano, a diferencia doutros, imos facer fincapé en aspectos sociais da vida de Roma, máis que en aspectos militares, aínda que tamén os haberá. Manteranse as roldas lexionarias e exhibicións e unha escola de pequenos lexionarios, que se vai desenvolver en dúas sesións e despois haberá dramatizacións, como O espertar da matrona ou O espertar dun senador... Exhibición de gladiadores...

-E o domingo?

-Imos innovar porque, se ben a Torre naceu na época do Imperio Romano a súa vida prolóngase durante dous mil anos, polo que foi testemuña de moitos feitos. Unha época moi interesante é a que coincide co século de ouro. A Torre comeza a ter importancia de novo como elemento de axuda á navegación. Estamos en momentos previos á reforma, que se fará no século seguinte. Imos facer unha exhibición de esgrima histórica que correrá ao cargo da Academia da Espada, Esgrima Antiga e Artes Marciais Europeas. Van explicar cal era a función social da esgrima nesa época, que era unha actividade que estaba moi metida na sociedade civil, non era militar,nin moito menos, porque había duelos.

-En que estado se atopa actualmente a Torre, precisa reformas un edificio de máis de dous mil anos de vida?

-Sempre se necesitan obras, porque queremos que dure outros dous mil anos máis polo menos. Actuacións de mantemento fanse constantemente. Agora estamos pendentes dunhas obras que se financiarán co 1% cultural que implica a rehabilitación dos teitos de dúas cámaras. Son unhas obras importantes que esperamos que se acometan nun prazo breve e que rematen antes da fin deste ano.

-Pódense facer á vez que se manteñen as visitas na Torre ou terán que pechar?

-Non é preciso. Podemos seguir coa actividade, de feito, cando se fixeron as mesmas obras noutra das cámaras, mantivéronse as visitas. Son uns traballos que recomenda o plan director e hai que ir cámara por cámara.

-A que retos se enfronta a Torre a día de hoxe?

-O reto que temos inmediato é afrontar este verán, porque se anuncia bastante activo, estamos en xuño cun 15% de incremento de visitas con respecto ao ano pasado e no que pensamos é en darlle unha boa atención aos visitantes que chegan desde todo o mundo á Torre de Hércules. Isto implica que estean a gusto e facer un labor de divulgación para que se saiba que a Torre foi incluída na lista do patrimonio mundial. O principal reto é manter unha atención continuada para que marchen cunha visión positiva da cidade e do monumento. Estamos tamén a traballar no entorno da Torre, que é un aspecto que, ademais da cuestión histórica, ten un valor universal excepcional e é o que a Unesco nos pide que divulguemos. Iso significa que é o único faro romano no mundo que subsiste e que continúa funcionando co mesmo obxectivo polo que foi construído. Hai que ter en conta que non é un monumento illado, nin individual, senón que está nun entorno protexido, que temos en conta porque os visitantes se senten atraídos non só polo monumento, senón tamén pola forza da natureza e queremos facer un esforzo aínda maior neste sentido.

-O plan director prevía unhas obras de acondicionamento, como van no cumprimento dese proxecto?

-Témolo sempre en conta, tanto para a xestión da Torre como para o coidado e as decisións que se toman sobre o monumento. Desde hai catro anos, por exemplo, o acceso á Torre está limitado a trinta persoas por visita e iso é un criterio que tomamos do plan.

-Cantos visitantes ao ano recibe a Torre de Hércules?

-125.000 aproximadamente.

-De que procedencias?

-O 75% é do mercado nacional, o outro 25% é estranxeiro, dentro dese total de estranxeiros, un 90% é europeo os outros, do resto do mundo. Dentro do contexto europeo destacan Portugal, Francia, Italia e Reino Unido. Do resto do mundo, hai sobre todo, de América Latina, como México e Arxentina, relacionados coa emigración e tamén de Estados Unidos, aínda que non é directamente un lugar de acollida de emigrantes, si que é unha potencia económica que achega moitos visitantes.

-Nótase un aumento dos visitantes cando hai cruceiros?

-Non se disparan as cifras, pero si que se nota que a afluencia de visitantes de fala non hispana é máis abundante, no conxunto non é que haxa un repunte de visitas. A maioría dos cruceiristas queda polo centro.

-É unha asignatura pendente da cidade atraer a este tipo de turismo á Torre?

-Non, porque é un turismo moi particular, algúns nin baixan do barco cando chegan ás cidades.

-Nalgún tempo falouse de convertir a antiga prisión provincial nun centro de interpretación da Torre, mantense esa idea?

-O antigo cárcere está relacionado coa Torre e forma parte do noso discurso interpretativo, igual que o parque das esculturas ou o monumentos aos fusilados e tamén os museos que están preto de nós. Máis ca iso non podo dicir porque o cárcere non é patrimonio municipal e, até que non sexa así, só podemos falar dese edificio como un elemento arquitectónico interesante, pero queda pendente do futuro e do que pode ser o seu destino.