A historia da revolta social que marcou o Medievo en Galicia serviu como punto de referencia para que o coreógrafo coruñés Quique Peón creara a súa última obra, O poder do Arcabuz, un relato escénico de tintes surrealistas sobre a Revolta Irmandiña que ven de ter o seu eco na gala vintecinco aniversario do Certame de Coreografía de Danza Española e Flamenco celebrada en Madrid a través da representación dun fragmento da peza.

A incursión da peza na capital española xurdiu despois de que os organizadores do certame convidaran a Peón, como gañador de dous galardóns noutras edicións, a participar na celebración das súas bodas de prata: "É moi importante que Galicia estea presente nun certame destas características" afirma Peón. Tal foi a expectación que xerou esta conmemoración en sede madrileña que "todas as entradas ficaron esgotadas".

O coreógrafo seleccionou un petisco da peza protagonizado por Pablo Rivas, quen interpreta o papel de capitán irmandiño dentro do espectáculo. O actor desenvolveu un solo que "representa o peso da responsabilidade que ten unha persoa escollida para facer algo e que se topa cun momento no que quere tirar todo ao garete pero finalmente tira para adiante polo amor á súa terra e á xente que o elixiu". Esta breve representación reforzou o seu simbolismo cunha bandeira branca, sinal distintiva dos Irmandiños.

A obra xestouse a raíz da vontade de Peón de falar do poder. Tras baraxar varias opcións atendendo ás diferentes manifestacións da autoridade, o coreógrafo decantouse por abordar a temática Irmadiña ao chegar ás súas mans un libro de Carlos Barros centrado nesta etapa histórica: "Representaba moitas cousas: falaba do poder; a música e as danzas medievais de Galicia son moi interesantes e me servían para investigar e crear unha obra con este material, e é unha historia galega que está pouco coñecida, aínda que é moi nosa e maravillosa", afirma o autor.

A partires dese momento, Peón comezou un proceso documentación co que contou con Carlos Barros como asesor histórico, algo que lle serviu para "amosar a historia" sen deixar de lado a súa creatividade. Esta busca de información culminou dous anos despois coa creación dun musical de estilo contemporáneo que amosa unha loita escénica entre dúas fontes de poder: Un "capitán Irmandiño que representa o poder asambleario", e unha noble que personifica "o poder que ven dado".

Sobre as táboas sitúanse "cen persoas entre orquesta, coro e bailaríns" co arcabuz como metafórico pano de fondo que Peón empregou por ser "o primeiro trabuco de pólvora que veu a Galicia, segundo algúns autores, a finais do século quince, época na que se desenvolveu a Revolución Irmandiña, "a máis grande revolución de finais do Medievo en Europa".

A obra O poder do Arcabuz, que gozou dunha "gran acollida" desde a súa estrea o pasado ano, regresará, a partires do próximo mes de outubro, aos escenarios de cidades como "Ferrol, Narón, Santiago, Vigo, Pontevedra ou Ourense".