Parácheste a pensar en que acontecerá se non deixa de aumentar a cantidade de coches nunha cidade que, en si mesma, é un pescozo de botella? Parácheste a pensar na cantidade de espazo que as cidades teñen reservado aos coches? Estradas, lugares de estacionamento, aparcadoiros? No caso de medilos, na Coruña contaríanse por quilómetros cadrados.

Todo ese espazo reservado ao tránsito e ao estacionamento do tráfico non responde ás necesidades das persoas. En certo sentido, é un espazo deshumanizado, pois non promove a convivencia nin a relación entre as persoas. Creouse para dar lugar a un modelo concreto de mobilidade que prima a velocidade nos transportes e o individualismo, ademais de xerarquizar os usos viarios sobrepoñendo a circulación a motor á dos peóns ou á bicicleta.

Por iso, por este modelo de mobilidade, hoxe a rúa Marola ten menos dun metro de beirarrúa por ambos os lados, imposibilitando que pase unha persoa cun carriño de bebé ou coas bolsas da compra. Na Marola, como en tantas outras rúas da cidade, é a xente que vai a pé quen ten que sortear os coches, coma os tiñan que sortear as residentes da rúa Barcelona ou do Campo da Leña antes de seren peatonalizadas. Hoxe, ese espazo reservado ao coche é tristemente esencial para explicar o funcionamento dunha cidade, onde os lugares de encontro teñen sido desprazados por lóxicas exclusivamente funcionais de eficiencia e produtividade.

Non hai novidade algunha en dicir que este modelo de mobilidade é tremendamente irracional, despilfarrador e profundamente antiecolóxico. Prima o uso do transporte privado sobre o público, baséase nunha expansión constante destes espazos deshumanizados, e fomenta un uso individualizado e parcelado dos espazos comúns.

Este modelo é o que se quere mudar. Para facer novas políticas tamén é imprescindíbel construír novos lugares, e introducir novos costumes na nosa conduta viaria que sumados contribuirán a facer do noso un entorno máis habitábel e ecoloxicamente sustentábel (lembremos que a mobilidade baseada na queima de combustíbeis fósiles é unha das principais causas de quecemento global). En resumo, un entorno universal no sentido de estar pensado, tamén, para persoas con mobilidade reducida, cativas e anciás.

As políticas de mobilidade do Goberno municipal da Marea Atlántica na Coruña van encamiñadas a facer estas, e moitas outras cousas, como recuperar a rúa como espazo de mestura e cohesión social, ou facer do transporte unha responsabilidade de todas e todos. Pero para isto, é imprescindíbel que cada quen achegue, na medida das súas capacidades, o seu grao de area a este proxecto común.