A Deputación da Coruña e o Concello da Coruña acaban de dar resposta a unha reivindicación primordial das asociacións memorialísticas que levamos anos reclamando unha condena institucional do golpe de Estado do 36 e do franquismo. Estas cousas sempre chegan tarde, xa se sabe; mais é preciso, por respecto ás familias das vítimas ignoradas, saudar que as institucións públicas se percaten e manden a Franco e as súas bestas ao lugar da historia que lles corresponde. Non foi sen tempo.

Digo que era (e sigue sendo) unha reivindicación primordial porque sen recoñecemento dos feitos e sen sinalar aos culpables era inútil reclamar verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición. Chegamos até aquí, pero hai que seguir abrindo camiño.

Verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición resumen as recomendacións do relator da ONU, Pablo de Greiff -quen por certo visitou a Coruña e deixou unha profunda pegada na nosa comisión-. Di De Greiff no seu informe que as cousas da memoria non son asunto de política partidista ou programas políticos particulares, senón de principios e dereitos de todos.

Por iso seguimos no camiño e xa non nos conformamos con derrubar estatuas do ditador no seu cabalo. As vítimas e as familias esixen verdade: un mecanismo oficial para que se esclareza a verdade. As vítimas esixen xustiza: para empezar, que a Xustiza española colabore nos procedementos xudiciais no estranxeiro e recupere o interese polo exercicio da xurisdición universal. As vítimas esixen garantías de non repetición e lembramos con De Greiff que en España non houbo nas Forzas Armadas e nos corpos policiais unha separación dos elementos antidemocráticos; e tempo de xulgar aos culpables, a todos, tamén aos vivos.

E, por último, as vítimas esixen reparación, singularmente que se amplíe a condición de vítima e se continúe na busca dos desaparecidos.

Aí seguimos nós, do lado das vítimas. Pola memoria. Porque non chega con recuperar a historia. Queremos xustiza. Para que a verdade sexa completa.