A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e maila Fundación Paideia Galiza acordaron unha colaboración conxunta para impulsar as ensinanzas profesionais e superiores de música en Galicia. Ao abeiro desta colaboración créase o Premio Extraordinario Paideia Galicia-Consellería para artistas noveis que se lle outorgará ao alumno que obteña a maior cualificación no proceso de selección convocado de acordo coas bases establecidas; así como dúas mencións de honra específicas. O obxectivo deste galardón é poñer en valor, no ámbito da música, a artistas galegos cunha traxectoria excelente que veñan de rematar os seus estudios profesionais de música nos conservatorios da comunidade. Como premio, o alumno ou alumnos seleccionados, terán dereito a gravación discográfica, mestura, edición e masterización dun CD.

A maiores, tamén se concederán varios premios a titulados de ensinanzas superiores de música na especialidade de interpretación dos conservatorios galegos. Estes galardóns consistirán en gravacións discográficas ou maquetas, ben como solistas ou ben en formacións camerísticas, e a súa posterior distribución e difusión.

A Consellería de Cultura e Educación encargarase de promover a convocatoria entre o alumnado dos conservatorios superiores de Galicia, así como a difundir a obra premiada. Pola súa banda, a Fundación Paideia Galiza encargarase de ceder as súas instalacións e a sufragar os gastos que orixine a realización das gravacións.