Foi espía de Felipe II, traballou para a igrexa, o seu fervor relixioso foi intermitente ao longo da súa vida, condeárono a vivir sen unha man sendo moi novo, foi fuxitivo, viviu un asalto corsario en alta mar, estivo na cadea, recadou impostos, quizais foi emprendedor co seu negocio de pan cocido dúas veces para levar nos barcos, viaxou de xeito incansable, marido a tempo parcial e, ademais, foi un prolífico escritor. Cervantes é moito máis que a súa obra más coñecida, Don Quijote de la Mancha, e así o reflexan os debuxantes Miguelanxo Prado e David Rubín na mostra que xoga co seu nome que dá en chamarse Miguel en Cervantes.

Esta vida ilustrada está na sala de exposicións de María Pita e poderase visitar até o vindeiro 18 de setembro. Prado, que foi galardoado no ano 2013 co Premio Nacional de Cómic, foi o encargado de destacar en 36 ilustracións momentos interesantes da vida de Cervantes, e Rubín púxolle imaxes, voces e cores ao texto teatral El retablo de las maravillas. Son 32 páxinas dun cómic clásico que, á súa vez, se vai integrando no relato ilustrado por Prado, que onte facía brincadeiras sobre a extensa obra de Cervantes e "o pouco" que fixera el na vida, en comparación con todas as aventuras vividas por este home que compartiu época con Shakespeare e que, tal e como lembrou onte o alcalde, Xulio Ferreiro, tamén a data do seu pasamento.

A inauguración da mostra coincidiu onte coa colocación das figuras que, como cada mes de agosto, saen das páxinas das bandas deseñadas para adornar a cidade. Daban a benvida onte aos visitantes do Pazo Municipal Astérix e Obélix. É unha actuación que marca o inicio deViñetas desde o Atlántico, que se celebrará do 8 ao 14 de agosto.