A execución do Parque Ofimático é o proceso urbanístico activo máis complexo e desafortunado desta cidade, o primeiro proxecto faraónico do primeiro goberno de Fraga na Xunta de Galicia hai máis de 25 anos, un proxecto que foi dando tumbos dende aquela por mor da mala xestión dos gobernos que nos precederon.

Aínda así, cremos, e así o vimos defendendo dende que chegamos ao Goberno, que a estas alturas, a única solución ao conflicto do Parque Ofimático é conseguir convertelo nun espazo habitable que deixe de ser unha obra, un peso para tódalas partes, para converterse nun lugar cheo de vida, nunha oportunidade. Vimos de aprobar na Xunta de Goberno Local o documento que permite un acordo importante entre o Concello da Coruña, Xestur e os grandes propietarios do solo, un acordo que fixa o marco operativo para a boa consecución da execución do sector S10 Parque Ofimático.

O noso desexo é que con este acordo se abra, por fin, un tempo novo. Este acordo instaura unha comisión técnica na que todos os propietarios do solo poderán ter representación. Con esta comisión, damos resposta a unha demanda histórica no proceso Ofimático, incorporando criterios de transparencia, acceso á información e participación de todos os axentes, ausentes ate o momento no proceso.

Co acordo deste protocolo, recollemos os froitos de 14 meses de traballo dos servizos municipais, ademais de reunións con todas as partes implicadas no proceso: cooperativistas, promotores, representantes do Instituto Galego de Vivenda e Solo, pequenos propietarios, residentes en Elviña, residentes en Eirís de Abaixo, asociacións veciñais do ámbito e os desaloxados das Cernadas, Xuxán, Galán e Elviña.

Foron reunións con frecuencia semanal, en cada unha das cales se tratou de buscar, por vez primeira neste proceso, o equilibrio entre os diferentes actores desde unha visión global, no que a nosa principal preocupación foi velar polo interese xeral e dar solución aos conflitos de tódalas partes.

Ademais das reunións semanais, dende a nosa chegada á xestión do proceso en xuño 2015, requerimos axilidade na obra á contratista e dirección de obra e non interferimos en ningún dos trámites para que a obra de urbanización seguise o seu curso e, por suposto, paralizamos os desaloxos dos residentes do núcleo de Elviña, á espera de atopar unha solución para poñer fin a un problema social sen precedentes.

A reordenación do ámbito de maneira que os residentes poidan permanecer nas súas vivendas orixinais está cada vez máis preto. Igualmente, estamos a traballar para aliviar as débedas dos pequenos propietarios, convertidos en promotores forzosos obrigados ao pago dunhas cotas inasumibles.

Coa chegada da sentenza que anulou un contrato de obras de urbanización deficiente, licitado de maneira electoralista na bocina das eleccións municipais do 2011, vímonos obrigados a crear unha nova folla de ruta, na que todas as partes implicadas interviñeron.

O acordo de colaboración que acabamos de facer público é o seu resultado. O protocolo permitirá impulsar de maneira urxente as obras de urbanización pendentes que permitan obter as licenzas de primeira ocupación dos edificios xa construídos e establecer o marco de colaboración para o eficaz desenvolvemento da actividade urbanística necesaria para a finalización das obras de urbanización dende o cumprimento estrito da legalidade. Este punto de inflexión servirá tamén para a reordenación do ámbito dando resposta ao encontro do sector co núcleo tradicional de Eirís de Abaixo e a reordenación da marxe dereita onde se localiza o núcleo tradicional de Elviña.

Neste sentido iniciamos un expediente de modificación de Plan Parcial e a consecuente suspensión de planeamento da marxe dereita da Avenida da Vedra, ademais da reordenación e integración paisaxística derivada da proposta de integración para a humanización da mesma.

Con estas medidas incorporaranse estes tecidos existentes tradicionais de forma sensible ao proceso de urbanización en marcha, recoñecendo o seu valor histórico, ademais das súas cualidades urbanas.

Desta maneira a nosa estratexia aposta polo recoñecemento dos núcleos tradicionais, cuxa protección pon en valor unha morfoloxía urbana que constitúe a memoria da nosa cidade.

En definitiva, outro modelo de cidade que aposta por un urbanismo sensible e non depredador. Por último, aproveito para citar os nomes dos lugares que nunca máis estarán ou que permanecen mutilados polas políticas pasadas, insensibles e irresponsables. As Cernadas, Xuxán, Galán, Castro de Elviña e Eirís de Abaixo, nós seguiremos traballando na defensa da súa memoria.

Na honra do que esa zona foi, e en xustiza dos que todavía a sinten como o seu lugar, esperamos comezar á volta do verán un proceso participativo cos veciños e veciñas da zona e cos seus futuros residentes para rebautizar un Barrio que nunca foi Ofimático, e que para nós é unha zona en débeda co pasado e cargada de futuro.