Somos partícipes dunha cidade afortunada en programación sociocultural e deportiva, unha axenda e suma de espazos privilexiada. A cita anual coas Festas de María Pita sublima e multiplica a actividade durante todo o mes de agosto. O goberno municipal introduciu algunhas novidades no ano 2015, todavía con tempo escaso e procedendo con absoluta urxencia. Porén, en 2016, a reformulación e as liñas de actuación deseñadas brillan cunha incidencia maior.

Legado e innovación ou ocio e cultura son compatibles.

A proxección da cidade, a cultura e o patrimonio, funcionan como elementos tanto pedagóxicos -as Festas como estímulo do coñecemento e a súa difusión- como de vigoroso motor do atractivo turístico. A multiplicación da actividade escénica e infantil, a nova escenificación do espazo cultural das principais Feiras existentes, a aposta pola creación local ou a variedade do rexistro artístico ofrecido orixinan unha pluralidade de programación que por un lado respalda a necesaria e progresiva descentralización das accións e por outro ten a súa plasmación nunha necesaria racionalización económica, por debaixo do millón e medio de euros, moi inferior a etapas de goberno anteriores. Se a transversalidade, que propón festas libres de violencias e incorpora altas doses de conciencia medioambiental, vén acompañada da atención a outros lugares da cidade, o resultado implica a toda a cidadanía dun xeito máis elocuente. Se o uso do espazo público e a gratuidade definen tamén este periodo lúdico, é na súa estrutura semanal onde os fitos aparecen ben representados.

O pregón de Sofía Toro connota un lugar con tradición náutica e evidente (e desaproveitada) presenza marítima. Un arroiador Carlinhos Brown inaugura As noites de María Pita e dá paso na primeira semana ao Festival Noroeste, que transita en seis días por 60 formacións musicais, nove localizacións simbólicas (igrexa barroca, antiga fortaleza do século XVI, centro de arte contemporáneo, prazas históricas...) ao tempo que contribúe aos sectores económicos da cidade. Outro exitoso festival especializado, Viñetas desde o Atlántico, co cómic e a ilustración como epicentro (reforzado polo cartel central das Festas, de autor, este ano obra de Uxía Pin) comparte coa Regata (Tall Ships Races) e a presenza de abundante actividade complementaria, dirixida a toda a variedade de públicos na súa segunda semana.

Nesta segunda quincena predominan os barrios, pezas centrais da actividade lúdica deste agosto, cunhas festas proxectadas pola propia veciñanza e o Concello, modelo de participación polo que apostamos e no que cremos. O peche do agosto frenético é a Romería de Santa Margarita, unha reinvención marcada polo gran encontro folk que acollerá agrupacións musicais de toda Galicia ao tempo que engade novos escenarios. Pero antes, o inicio da efeméride da Orquesta Sinfónica de Galicia (25 anos o vindeiro maio) amosa o potencial dun organismo de excelencia onde conviven vangarda e clasicismo.

Posuímos eventos con personalidade propia que converten A Coruña en destino e que reforzan a unidade co resto de sectores de desenvolvemento. Todos permiten o recoñecemento da singularidade e potencialidade desta época do ano. Capítulo aparte nesta edición merece o Festival Noroeste Estrella Galicia, por vez primeira respaldado por unha importante difusión exterior. O concepto matriz, a suma de música -chea de versatilidade e matices- e arquitecturas, espertou paixóns, reivindicando a idea, non é preciso procurar coartadas, da proxección da cidade a través da cultura. A construción desta cita como referencial no calendario musical, e previa a Viñetas desde o Atlántico, indica a competencia creativa e o talento da cidade que habitamos, capaz de albergar dous festivais emblemáticos nunha quincena; mostra, unha de tantas, dunha Coruña viva, diversa e plural, na que todos e todas cabemos e podemos contribuír. Nesa liña seguiremos.