-Esperaba esta contestación ao plan cando o presentou?

-Estamos a falar dun plan no que levamos moitísimo tempo traballando, desde hai máis dun ano, con 16 especialistas na materia, en microsimulacións de tráfico e seguridade viaria. Un ano de traballo con rigor para mellorar a mobilidade, non é un plan que saia da chistera. Dito isto, a min o que me sorprende é o Goberno da Coruña. Pregúntome se o Concello quere que se mellore a mobilidade na área e se aposta polo transporte público.

-Reduce a oposición ao plan ao Concello, pero tamén presentaron alegacións Tranvías; máis de medio centenar de autónomos do sector dos taxis; e a asociación de Amas de Casa e Usuarios, que forman parte de comités de Industria na Xunta. Concellos da área advirten de que é necesario coordinarse... Á marxe do Goberno coruñés, por que cre que o plan tampouco calla completamente noutros sectores?

-En concreto traslado a sorpresa ao Concello da Coruña porque emitiu as alegacións fóra de prazo nun correo informal, que curiosamente se asemellan ás dunha empresa privada como Tranvías e sobre todo porque o Concello sempre dixo que estaba disposto a facelo. En todo caso, os taxistas, as amas de casa? nós sempre estivemos dispostos a analizar as súas alegacións. Persoalmente tiven unha xuntanza con Tranvías. Parece que por cambiar cousas, pode haber medo do que pode pasar, pero nós estamos dispostos a dialogar. En calquera caso, Abegondo e Oleiros son os únicos que presentaron alegacións en tempo e forma e recoñecen a utilidade do plan. Tivemos reunións con Coruña e recollemos as súas propostas, non o fixemos de costas.

-Din que non haberá afeccións no tráfico. Tanto taxistas como Tranvías teñen desconfianza en como pode afectar ao seu servizo, que é un servizo público.

-Remítome aos técnicos en microsimulacións. Tranvías é una empresa pública? A ver, na miña opinión, é un transporte público pero sustentado por unha empresa. Cada un, coa súa legalidade e lexitimidade, fai as alegacións que considere pero unha adminstración pública ten que velar polos intereses xerais.

-Reitera o aval do equipo técnico. Se tan exhaustivos e completos son os datos, haberá un erro de comunicación cos colectivos que concordan no que din?

-Nós estamos dispostos a explicalo onde faga falta. Fai moito fincapé nas críticas e tamén hai xente que fala ben. Como Abegondo ou Oleiros, que piden máis liñas e horarios e están de acordo en que é necesario para o futuro.

-No caso de Oleiros, si que ten unha alegación que di que se adhire ás peticións da Coruña no tocante á participación.

-Non din que non sirva. Queren unha comisión de seguimento? Pois para min procede só despois de que se poña en marcha.

-O Concello coruñés argumenta que non se opón á entrada dos buses, pero ve eivas nos datos que sustentan o seu deseño e acúsaa de presentalo unilateralmente. Pode executarse realmente o plan sen coordinarse coa Administración municipal?

-Nós nunca dixemos que non o queriamos facer sen coordinación. Este estudo licitouse no DOG e todo o mundo sabía que iamos traballar nisto. Todas as administración públicas estamos informadas e informamos a través deses diarios oficiais. Durante un ano pedimos información e documentación e escoitamos ao concelleiro, que fixo propostas. Agora facemos esta proposta, que é mellorable e na que se pode afondar máis. O mesmo día que fixemos o anuncio público, convocamos ao Concello a unha xuntanza para explicar a proposta. É unha proposta, o plan definitivo terémolo coas explicacións que fagan falta, sen impoñer nada, eu non son de impoñer.

-Será necesario un plan especial de mobilidade en coordinación co Concello nos primeiros tempos de implantación?

-Desde logo a min acredítanme con informes técnicos que non. Antes das nove da mañá, hora de entrada aos colexios, os autobuses metropolitanos xa penetran na cidade. Non fai falta ser técnico especialista para velo. Estou convencida de que non haberá problema. Todo plan que se pon en marcha ten algunha cuestión, pero hai que mirar cara ao futuro, é a miñá opinión como enxeñeira, xestora pública e desde o punto de vista político.

-Unha das cousas que máis molestou ao Concello foi a definición dunha serie de obras para instalar paradas en espazos públicos municipais sen consensuar, sen orzamento e sen saber quen as vai pagar.

-Son obras que nós estamos dispostos a acometer. Insisto, o interese é mellorar o transporte público?

-Vostedes están dispostos a asmir esas obras?

-Por suposto que non hai ningún problema. Eu avogo por que os grandes proxectos teñen que saír adiante con grandes acordos. É a única maneira de que saian adiante. A Xunta non vai facer ningún plan sen o Concello, pero eu agardo que o Concello recoñeza que é unha aposta polo transporte público. Sorpréndeme que as alegaciones coincidan na meirande parte coa compañía de tranvías.

-É a segunda vez que o comenta, que lle suxire que coincidan?

-Simplemente digo o que hai.

-Pero que lle sorprende?

-Pois eu creo que o Concello debe focalizar máis? Entendo que a empresa privada se preocupe polos propios resultados e o Goberno municipal non debe facer iso.

-Acusa ao Concello de defender intereses privados?

-A min paréceme que coinciden moitísimo. E estráñame porque Tranvías di que invadimos competencias municipais e entra no que son as competencias municpais. O que máis me sorprende é que o fagan fóra de plazo e por mail.

-Non introducen no proxecto a futura intermodal. Así o plan non nace curtopracista?

-En absoluto, o prazo para a implantación é moito máis curto que a posta en marcha da intermodal, que temos os cartos pero estamos iniciando a redacción do proxecto construtivo e o Concello ten que contestarme aínda a postura común para o aparcadoiro de Adif. Estaría no ano 2020. O plan ofrece unha solución inmediata. Teñen que esperar os coruñeses a 2020?

-Pero por que non se inclúe no planeamento para non ter que parchealo despois?

-Se queremos facer a fase tres, tamén a podemos facer, pero creo que o importante é poñelo en marcha e ir adaptando os plans en base á realidade. Como se fai en todos os plans.

-Abegondo e Betanzos piden lanzadeiras sen paradas.

-Iso hai que falalo porque cando fas conexións directas afectan aos veciños das paradas intermedias. É un tema que estamos a analizar. Agardo que a principio de setembro as respostas estean ultimadas.

-Outras alegacións van no senso de deterse na demanda de universitarios ou traballadores dos polígonos, é posible atendela?

-O cambio de frecuencia sempre é posible. Outra cousa é aumentar o número de frecuencias pero adaptar os horarios si que se pode.

-Falan tamén de traxectos ou paradas.

-Iso é unha tramitación máis complicada. Un concesionario non pode pisar as rutas de outro.

-Taxistas e Concello sorpréndense de que inclúan liñas que veñen de Lalín, Ourense, Melide...

-Realmente son poucas liñas e poden dar beneficios ao comercio local. Estamos abertos a analizalo se imos ter un problema. As prioritarias son as metropolitanas.

-Esperan ter resposta ás alegacións en setembro. Para cando calculan a posta en marcha?

-Explicaremos polo miúdo as alegacións en setembro pero non quero impoñer. Agardo que todos reflexionemos e é preciso mirar cara ao futuro e modernizar o noso transporte público. Gustaríame implantar este plan co acordo e recoñecemento de todos os concellos de que é un plan útil.

-Haberá logo máis reunións para acadar ese recoñecemento, que van facer para conseguilo?

-Creo que, como xestora pública, hai que poñer en marcha un plan que ves que mellora o servizo, que ves que vai atender demandas de moita xente. É moi fácil criticar o traballo dos demais. Eu avogo por ter reunións serias con todos os concellos e agardo que todos finalmente concluamos que é bo para o transporte público e que é necesario, coas reunións e explicacións técnicas que se precisen.

-Apraza entón a aplicación até que se dea ese consenso?

-Eu sempre avogo por que os grandes proxectos reúnan consenso e hai que traballar. Vale máis un gramo de traballar que un quilo de falar.

-Continúa sen quedar claro, entrarán os buses ou non aínda que non haxa acordo?

-Aposto por que ten que haber acordo, aposto por iso, coas xuntanzas que faga falta. Sempre fun así e creo que chegaremos a un acordo e acabaremos recoñecendo que o obxectivo é a mellora do servizo.