A ría do Burgo enfróntase desde o día 19 a un peche máis por toxina lipofílica, é un proceso natural que, tal e como chega, marcha, pero que paraliza a economía dos mariscadores, que teñen que deixar de faenar. No caso dos profesionais que extraen bivalvos do esteiro, cada novo peche, por hidrocarburos ou toxinas, supón un impedimento máis para a supervivencia do sector. O voceiro da Agrupación de Mariscadores a Pé da Ría do Burgo, Manuel Baldomir, analiza o que está a supoñer 2016 para os bancos marisqueiros e para os que deles pretenden vivir.

-Unha vez máis a ría está pechada por toxinas, como está a afrontar o sector esta situación?

-Pois fatal. De marisqueo a pé quedamos 67 traballadores, estamos bastante fastidiados pola situación da ría do Burgo, porque xa o ano pasado foi economicamente malo para o sector e este está a ser aínda peor debido aos peches por hidrocarburos, por toxinas e tamén pola mortandade do marisco. A Consellería alega que a mortandade se dá porque o marisco está debilitado polo desove e pola calor que vai, que o mata, pero tamén ten un índice bacteriano bastante alto e o produto en si mesmo está feble. Así que vemos como a ría morre pouco a pouco e como non dá chegado o dragado, a pesar de que o día 21 do mes pasado tiñan como data límite para nos contestar a todas as partes ás alegacións presentadas.

-Que lles din cando preguntan polo proxecto de rexeneración?

-Por parte de Costas dinnos que están á espera de que se forme o Goberno no Estado, pero a nosa situación económica é moi mala. A mortandade do marisco estanos afectando moito, xa que hai moi pouca produtividade na ría, así que os ingresos son moi baixos, de feito, hai xente que non pode pagar a Seguridade Social e compañeiros que tiveron que entregar o carné porque non daban feito para pagala, porque nós somos autónomos. Ver que un sector que nos anos oitenta empregaba a 2.000 persoas e que agora quedamos 67 e que imos a menos é bastante doloroso.

-E sobre as alegacións?

-O director de Costas, Rafael Eimil, díxonos que as nosas alegacións foran todas admitidas e que non había ningún tipo de problema, pero que o documento estaba en Madrid e que estaban a expensas de que se formase un novo Goberno.

-E que lles parece que a única opción que lles dean sexa agardar a que se forme un novo Goberno?

-É outro pau que nos dan aos mariscadores. Unha obra tan necesaria como é o dragado da ría, tantos anos loitando por ela... Sen ela estase a afundir o marisqueo, poderiamos ter unha zona medioambientalmente sana pola que poder pasear e non ter que facelo arredor do fango, como agora, e que nos digan que están a expensas de que se forme o Goberno parécenos lamentable, sobre todo cando os orzamentos do Estado recollían partidas para ir realizando o dragado e que non estivese o proxecto parado. Da mesma maneira que o Goberno en funcións pode ampliar a concesión a Ence, non entendemos por que non toma en consideración a ría do Burgo e por que non se adoptan medidas extraordinarias para que o dragado saia adiante.

-En canto cifran a mortandade da ameixa?

-Se nunha rañada veñen seis ameixas, unha pode estar viva e as outras catro ou cinco están mortas. O tope de ameixa fina está establecido en sete quilos por persoa e día, e nós non estamos collendo nin dous quilos por cabeza.

-Coincídelles o peche da ría cun dos mellores meses de venda de marisco, como lles afecta esta situación?

-Tanto no verán como no Nadal e na Semana Santa é cando o marisco acada un prezo considerable para o sector, porque durante o resto do ano o prezo está baixo e as ganancias ao mínimo. A nosa mala sorte é que os peches nos coinciden con esas datas, polo que se nos complica poder aforrar para sobrelevarmos o resto do ano. Cómpre lembrar que os mariscadores non traballamos o ano enteiro, que temos un plan de explotación de 120 días. Estanos quedando como último recurso a campaña do Nadal, pero todo fai prever que a mortandade e o marisco que agora estamos sacando os profesionais para poder vivir vainos levar a unha situación crítica a finais de ano, pode que suba o prezo, pero se non hai produción non hai nada que facer.

-Comezarán hoxe cos labores de rexeneración dos tres parques privados que tiñan a concesión caducada?

-Na Xunta están ultimando os trámites, din que comezar mañán [por hoxe] é complicado, pero que para a semana case seguro que non hai problema. Agardamos que así sexa, aínda que eses parques non sexan unha solución, si que suporán unha achega económica para estes meses de verán, ademais, á ría faille falta esa rexeneración de parques.

-Sufraga a Xunta estas xornadas de traballo ou como financiarán os labores de rexeneración?

-Páganse a través de fondos da Xunta, estiman que rexenerar eses parques vai custar uns 50.000 euros e ese será o diñeiro que se repartirá entre os mariscadores. Se baixamos unha media de 50 traballadores ao día e acabamos nun mes, imos cobrar mil euros cada un ese mes, pero se nos leva dous meses imos cobrar o mesmo.

-Este ano estase a falar menos de furtivismo, é porque remiteu o fenómeno logo de que se declarase delito ou porque xa non hai nada máis que levar da ría co descenso da produción?

-É complicado de saber. Levamos unha tempada na que baixan tres persoas. Pode ser que agora os furtivos teñan medo porque o que fan é un delito ou pode que xa non se arrisquen a facelo porque antes, aínda que fose para gañar vinte euros, ían, quizais agora non lles compense. Aínda así, solicitamos ao Servizo de Gardacostas que intensifique a vixilancia porque agora hai tres persoas, pero se non se lles pon freo, pode ter un efecto chamada.

-Houbo algún avance no tema das axudas pola contaminación de hidrocarburos?

-Non, iso segue coma sempre, xa que a orixe non está definida. Non entendemos que teñamos que pagar nós os danos que provocan os coches ou empresas que contaminan a ría.

-En canto estiman as perdas no que vai de ano?

-Levamos moitos días de peche, máis ou menos perdemos o 50% dos días de traballo, se un traballador podería ter gañados a estas alturas do ano 4.000 euros, cos peches redúcense á metade. Se gañamos 500 euros ao mes, que moitos deles por desgraza non os dan feito, e temos que pagar 200 de seguro, quédannos 300 para vivir.