O día 21 de agosto de 2016, o señor concelleiro de Cultura de A Coruña, José Manuel Sande, describía, neste periódico, a programación festiva de María Pita. O artigo empregaba unha multiciplidade de termos e expresións como vivacidade, transversalidade, pluralidade, pacifismo, concienciación medioambiental, gratuidade, uso axeitado e pedagóxico do espazo público, participación, reinvención, innovación, versatilidade, matización, descentralización, singularidade, proxección exterior da urbe...

Interpretaba, ao meu nivel persoal, como se a cidadanía coruñesa, grazas á nova política cultural, chegara a un estadio idílico, a utopía feita realidade e a unha cidade a onde teriamos que ollar todas aquelas persoas que están e que vivimos fóra de tal territorio urbano.

Antes da chegada da actual equipo de Goberno, parecera que existía unha cidade esmorecida, sen unha programación cultural ou actividade socioeducativa para o conxunto da urbe e arredores dos seu límites.

Son os feitos e non os decires vanglariosos os que se xulgaran. O feito, ata o tempo da gobernanza actual, é algo que ten evidencias nos equipamentos, estruturas culturais, sociais, educativas e programación de toda índole que comezaron nos anos 80 do século pasado. Todo iso forma parte dos alicerces. Hai que buscar na memoria histórica, que tanto se reclama, coñecendo o sucedido nos tempos que máis se nos achegan con humildade. Houbo política, persoas que foron e que son e traballo ata chegar aquí que, sen pensar en recoñecementos, merecen consideración e que se deberan ter en conta para seguir construíndo. Eis a aprendizaxe significativa permanente.

Os que fixeron valados levantaron o que se deseñou e ergueron co material que tiñan. E ben seguro que o valo ten lombas en algures. Mais é momento, como case sempre, de apuntalar para seguir construíndo ou ter a capacidade de empregar aquelas pedras para facer novos muros consistentes e senlleiros.

O que digan os medios de comunicación a prol ou fronte do Goberno local actual, as influenzas doutras forzas vivas da cidade e os reproches dos grupos políticos diversos que conforman o pleno é problema deles e dos que non lles saen ao paso. Non xulgo pecados senón un discurso dun responsable dunha concellería que escribe á súa propia localidade e ao resto da poboación extramuros.

Remato, respectuosamente, instando a que a obriga municipal se cumpra para mellorar os puntos de debilidade antigos e superar o que ten o herdado. A cidadanía mostrará se os calificativos e expresións empregadas polo munícipe son realidade e se deu finalizado o valado que lle tocou erixir. Creo que polo camiño que está seguindo, non vai atopar moitos canteiros que lle axuden.