O humorista e pallaso Isaac Rodríguez, máis conocido como Peter Punk, será o encargado de abrir ás 18.00 horas do venres as festas de Monte Alto co seu espectáculo Peor Imposible, que desenvolverá no Campo de Marte.

-En que vai consistir o espectáculo que presentará o venres en Campo de Marte?

-O pallaso xoga moito co fracaso coma un éxito. Presenta os seus números como algo espectacular e moitas veces é algo ridículo, e o obxectivo final é facer rir e ter un discurso sobre a visión da vida do meu pallaso, poñer sobre a mesa a miña visión da realidade, criticala e incluso burlarse dela, todo desde o punto de vista dun xogo para sorprender pero tamén para facer pensar á xente.

-Percibe positivamente a situación do clown hoxe en día?

-Particularmente en Galicia, o clown e o circo comezaron a poñerse de moda a comezos do 2000, cando apareceron as primeiras compañías galegas de circo, pallasos, malabaristas... E duns anos a esta parte tivo bastante éxito, ata o punto de incluir espectáculos de circo en festivais de música... Tamén levamos vivindo tempos en toda a democracia, tanto en Galicia coma no Estado español, nos que se sinte moito que vimos dunha ditadura, do nacionalcatolicismo no que enseguida a xente se ofende por cousas humorísticas. O feito de que metera a dous titiriteiros no cárcere di moito da realidade que vive o humor neste país. Moitas veces hai sectores aos que lles dá medo que se poda facer humor de certos temas.

-Queda moito por facer?

-Eu creo que temos moito que cambiar, e se ve tamén noutros espectros, como no político, no que estamos a vivir outra Transición. A xente do mundo da cultura e da comedia en concreto, como non pode ser doutra maneira ten que seguir ahí. Pouco a pouco, por parte do público en xeral, o humor está sendo moi ben aceptado.