Xurxo Souto organizou un roteiro pola costa da cidade no que pretende dar a coñecer as pedras do litoral con nome propio, así como as lendas e historias que agochan. A comitiva saíu ás 11.30 de San Amaro, antes das tradicionais merendiñas. "A cuestión é que A Coruña é unha gran descoñecida polos propios coruñeses", explica Souto, "a Torreé un monumento da humanidade, protexido pola Unesco, e, sen embargo, descoñecemos o máis elemental".

É por isto que Souto decidiu difundir este coñecemento entre os cidadáns por medio de letreiros que nomeaban cada unha das "pedras", as rochas da costa. Foi o percebeiro Emilio Mariñas Milucho o que lle deu acceso a esta cultura popular, estas "cousas que deberiamos ter aprendido na escola, pero que non sabemos", di o escritor. Un exemplo destes datos decoñecidos dase na Torre de Hércules, explica Souto, onde a xente sobe e "ve auga", mentres que "os mariñeiros están vendo os Carpanchos, os Abarracidos, as Tousas de Leste, as Tousas de Vendaval, as Acentes. Cada anaco de auga ten un nome propio, porque produce un tipo de peixe diferente". Da mesma forma, conta que "dende a praia de San Amaro cara a Torre están o Gancho, o Grelle, Macallás, o Redondo, o Cabalo, as Longuiñas, o Morro Baixo, o Coído, a Furna do Hermidio, as Corredoiras, o Ollo, a Perdiz, o Xogadoiro, a Furna dos Touciños, os Coitelos de Terra, os Coitelos de Mar, o Gueivouteiro, o Boi, a Vaca, o Becerro e o Becerriño". Foi precisamente nos Coitelos onde se espetou a proa do Mar Egeo, explica Souto, e no Gueivouteiro, nomeado así porque "alí paran as gaivotas", onde quedou varado parte do petroleiro.

Outro dato que destaca Xurxo Souto é o feito de que o mar "dende as Illas Sisargas a Prior ten un nome propio, e é un nome de muller". Denomínase mar de María Antonia "porque había unha señora que se chamaba así que tiña unha tenda aberta noite e día nos anos cuarenta ou cincuenta, na Rúa Pozo, ao lado de Juan Flórez. Como estaba aberta todo o día, os mariñeiros iban a calquera hora a vender o peixe, e cando falaban polas telefonías entre eles, entre os barcos, e dicían: "estou en María Antonia", que quería dicir que xa estaban na casa ou moi preto da cidade", conta o artista, que considera "moi bonito" o feito de que "unha señora do barrio de Santa Lucía lle deu nombre a todo o mar".

Tamén se falará doutros accidentes xeográficos, como a praia de San Amaro, que foi nomeada así por "un santo navegante que se embarcou dende a Coruña e atopou no medio do mar a Illa do Paraíso", conta o artista, ou, baixo a Torre de Hércules, "unha cova inmensa que trazou o mar que se chama a Furna dos Touciños, porque son pedras moi ásperas, moi agudas".

Unha das historias que contará no roteiro data da época de Sir John Moore. "Cando alguén vai practicar mergullo na Coruña, o primeiro que se atopa son moas de cabalo", relata Souto, que di que poden proceder dos cabalos que sacrificaron os ingleses ó embarcar "ás presas" para que non "quedasen en mans francesas". "Mataron moitísimos cabalos e tiráronos ó mar, e o resto do esqueleto se descompón moi fácilmente, pero os dentes aguantan moito", explica Souto.

A súa aspiración é que os cidadáns recoñezan un pouco máis á localidade coma cidade de mar, "cidade barco", como lle gusta dicir ó artista, que recorda o verso de Luisa Villalta "cidade tatuada na pétrea pel do mar". "Non estamos na fin do mundo", afirma Souto, "estamos no centro do mar, e temos que aprender a disfrutalo".