-Que distingue a este libro doutros traballos anteriores sobre a historia de Galicia?

-Cada autor que escribe a historia ten un enfoque distinto. Este libro caracterízase, dentro da selección rigorosa que hai que facer, por procurar dar unha idea completa da natureza e evolución das sociedades que habitaron o territorio de Galicia nas sucesivas épocas, das causas desas características, e centrándose máis nas épocas máis próximas ao presente.

-É recorrente dicir iso de que "un pobo sen memoria está condenado a repetir os seus erros". Como anda a sociedade galega no coñecemento do seu pasado?

-Hai de todo, como en toda sociedade complexa. Hai certos sectores minoritarios que coñecen ben ou relativamente ben o seu pasado e hai unha maioría que o descoñece ou ten unha imaxe distorsionada del. A pesar de que hai unha escolarización maior, a preocupación polo pasado non predomina.

-Que etapa da historia de Galicia considera que se coñece de maneira máis distorsianada polo cidadán de a pé?

-Case todos os periodos están igual. Existen mitos como o dos celtas ou outros parecidos que naceron pola necesidade que teñen as sociedades de mitificar algúns aspectos do seu pasado. Este foi un proceso que se deu especialmente a partir do século XIX, cos románticos, e que desde entón calou no imaxinario colectivo.Esa impronta vese en cousas como que o principal equipo de fútbol de Vigo se chame así, Celta.

-No seu libro tamén fala sobre o peso do soberanismo. Cal é o estado de saúde do nacionalismo galego hoxe en día?

-Está nun momento baixo, iso é obvio. A parte da sociedade que se considera nación e, dentro dela, aqueles que pensan que debe exercerse o dereito de autodeterminación, é unha parte menor. Despois de pasar por un punto máximo entre os anos 1997 e 2001, onde o nacionalismo chegou case a un 25% dos votos, iniciouse unha curva descendente e hoxe está bastante baixo.

-E cal é a causa? En Cataluña e en Euskadi, as opcións nacionalistas saíron reforzadas da crise.

-Unha cousa é que o nacionalismo político estea en crise e outra que o nacionalismo estea desaparecido socialmente. O nacionalismo galego nestes momentos está a cambiar de pel. A pesar de que a súa organización clásica nos últimos tempos, o BNG, está contraída, fóra dela hai máis nacionalismo. O que acontece é que está repartido en multitude de siglas,como xa pasou noutros momentos da historia, e iso penaliza nunhas eleccións. Pero iso non quere dicir que no conxunto da sociedade ese nacionalismo diminuíra tanto. Hai un dato. Galicia ten un sindicato nacionalista moi importante, que é a CIG, que ten un tercio da representatividade sindical, máis ou menos o que ten UGT ou CCOO. Iso non pasa en Cataluña, por exemplo.

-Ve posible unha reformulación do nacionalismo en torno a un único proxecto?

-Antes ou despois terá que producirse esa reorganización, aínda que non sexa necesariamente non único partido. Cando un nacionalismo está máis desenvolvido, normalmente a súa expresión electoral artéllase en torno a dous ou tres partidos. Non sei cando haberá esa reorganización, porque non son profeta, pero se me fío do que aconteceu no pasado, acontecerá tarde ou temprano.

-Nestes anos xurdiu unha nova organización, En Marea, que aglutina desde Anova a Podemos. Pode ser un salvavidas para o futuro do soberanismo ou máis ben un problema?

-En Marea creo que non é o camiño para que o nacionalismo recupere a posición que perdeu electoralmente, pero tampouco é un veleno. En Marea é unha circunstancia nova, que probablemente non sexa duradeira. A heteroxeneidade ideolóxica que ten non adoita ser estable nunha organización política. Pode durar un certo tempo pero é probable que acabe separándose en varias opcións que sexan ideolóxicamente máis homoxéneas.

-Alberto Núñez Feijóo preséntase ás súas terceiras eleccións. Os historiadores falan da Galicia de Fraga. Falarase da Galicia de Feijóo?

-Non o creo. Fraga cando chega a Galicia cambia radicalmente a situación do país, supuxo un antes e despois. Eu creo que Feijóo o que fixo foi continuar o que Fraga deixou feito, con algún cambio, pero fundamentalmente é o mesmo.

-Como historiador, que legado material ou inmaterial cre que deixa Feijóo tras oito anos na Presidencia?

-É un pouco cedo para facer esa valoración. El tivo que lidiar cunha crise económica moi fonda, condicionado polas políticas do seu partido e a UE. Xestionou esa crise sen saírse do marco ideolóxico do PP, de forma aseada, pero tampouco fixo moito máis. É responsable de recortes, como en todos os gobernos de España, pero tampouco se pode dicir que a súa xestión fose un desastre. Foi un resultado mediano, por dicilo así.

-Faga de adiviño. Que cre que vai acontecer o 25 de setembro?

-As cousas están moi igualadas. A pesar das imaxes tópicas de Galicia como un país conservador, a realidade non é así. A esquerda e a dereita en Galicia estiveron sempre bastante igualadas e a balanza inclinouse, agás en determinados momentos da era Fraga, sempre por poucos votos. Segundo as enquisas, estamos nunha situación de empate técnico que uns poucos milleiros de votos poden inclinar cara a dereita ou a esquerda. Eu si creo que o mal que se fixeron as cousas na oposición esta lexislatura beneficia a Feijóo. Se iso son factores suficientes ou non para que revalide a mayoría absoluta, saberémolo o 25.