O cantante de Os Diplomáticos de Monte Alto, Xurxo Souto, actuará esta tarde coa súa banda no teatro Rosalía dentro da oitava edición de Lúas de Outono, un espectáculo organizado pola Fundación Manuel María de Estudos Galegos en homenaxe ao poeta chairego. Na cita, que comezará ás 20.30 horas, poderán escoitarse tamén as melodías do Grupo de Cámara de Santiago. A entrada ao concerto será libre ata completar o aforo.

-Que supón para vostede participar nesta homenaxe?

-Falando tanto a nivel de grupo como a nivel persoal, isto é a máxima honra. Manuel María, ademais de ser un referente na literatura contemporánea e de ser un veciño por opción de Monte Alto, xa que elixiu vivir en A Coruña, para min foi un auténtico mestre. Eu, cada vez que tiña que escribir un artigo sobre Ánxel Fole ou Alexandre Bóveda, ía á tertulia que el tiña no Kirs e preguntáballe, e era a fonte máis marabillosa. Ademais, Manuel María inventou literalmente a música galega.

-En que medida o fixo?

-El, despois da Guerra Civil, comprometeu todo o seu talento coa oralidade de Galicia, que por aquel entón estaba oculta para a vida pública. No ano 1954, o que para a vida pública daquel tempo era 'la Tierra Llana de Castro de Rei' convertiuse para sempre en Terra Chá grazas aos poemas de Manuel María; coa súa palabra iluminou toda a oralidade e tamén a música, que estaba apartada dos medios de comunicación; el foi o gran impulso para a nova canción galega, para Voces Ceibes. Hai máis de cen poemas de Manuel María musicados. A música infantil hoxe en día é un xénero que ten moito éxito e foi el quen o inaugurou coa súa obra Os soños na gaiola, musicado por Suso Vaamonde.

-Destacaría da súa figura esa implicación co ámbito musical?

-Destacaríao todo, a súa obra é inmensa. El é o poeta por excelencia da cultura galega contemporánea. A proba foi que nestas Letras Galegas non é que a Real Academia reivindicase a obra dun poeta máis ou menos esquecido, foi ao revés: Manuel María deulle pulo a unha celebración que estaba vivindo horas moi baixas. El non é unha lembranza, é unha presenza constante.

-Algún recordo?

-Lembro cando deu o pregón das festas de Monte Alto no ano 1999. Chegou con catro folios, o equipo de son non era moi bo, pero todo o mundo quedou enfeitizado coa súa palabra e o seu saber e, ao remate, un señor maior dixo: 'Este home volveu traer a A Coruña a alegría da República!'. Iso é moi grande. Onde está Manuel María está a alegría, pero tamén a dignidade, o compromiso, a cultura, o futuro. Por iso digo que é o meu mestre por excelencia, o meu e o de moitas xeracións.

-Esta homenaxe na que vostede participará, non terá un significado máis especial por esa presenza do poeta no Día das Letras Galegas deste ano?

-Eu creo que non. El trascende a esa celebración, está por diante. Para nós vai ser moi especial honrar ao mestre no teatro Rosalía, un teatro que ten unha significación especial. É moi bonito querer o lugar onde naces, pero é máis bonito optar por vivir nun lugar, e cando Manuel María e Saleta optaron por vivir en A Coruña na xubilación foron recibidos cunha gran homenaxe poética de toda Galicia precisamente no Rosalía de Castro. Ademais, é o único teatro en toda Galicia que leva o nombre da gran poeta, hai un simbolismo especial.

-Que espectáculo ten preparado a súa banda?

-Manuel María é tan grande, extenso e multiforme que mesmo abrangue o que facemos nós, o bravú. Tocaremos pezas do noso repertorio que están vencelladas a Manuel María, pezas que fan referencia a Monforte ou a Terra Chá e logo, con toda humildade, tentaremos porlle melodía a un dos seus poemas, algo que será unha primicia mundial. Eu penso, e aquí falo no nome de todo o grupo, que este é o acto con máis decoro e máis emoción no que temos participado nunca, e o grupo ten máis de vinte anos de ruta.

-Este acto celébrase nunha semana marcada pola política galega, un ámbito no que o autor se implicou en gran medida.

-Toda a obra de Manuel María busca a beleza, a melodía, pero non é aséptica e distante, senón comprometida. Ten un centro, que é Galicia como nación. Unha nación diferenciada que dialoga con humildade e vehemencia con tódolos pobos do mundo. Por iso a súa obra é un referente para o nacionalismo galego, alén de ser patrimonio de todos e todas as galegas. Pero a nación galega en plenitude está presente nos seus versos.

-Cales son os seus plans tanto na banda como en solitario?

-Os Diplomáticos non seguen unha dinámica de grupo habitual, xuntámonos en actos que nos emocionan coma este e, en canto aos meus proxectos persoais, estou rematando unha novela e a piques de realizar unha celebración sobre o libro Contos do Mar de Irlanda.