Un outono máis para Manuel María

Os Diplomáticos de Monte Alto e un grupo de música de cámara rescatan os poemas do autor chairego que elexiu A Coruña para pasar os seus derradeiros anos

21.09.2016 | 11:14
Un outono máis para Manuel María

Un outono máis a cidade rende homenaxe ao seu veciño, ao poeta afincado en Monte Alto, a Manuel María. Fíxoo onte a ritmo de rock e de música clásica, porque os versos do poeta chairego adáptanse a todos os estilos e representacións artísticas. Os Diplomáticos de Monte Alto e o grupo de cámara Lembrando a Manuel María foron os encargados de poñerlle voz e acompañamento aos poemas que fixeron inmortal ao poeta ao que, este ano, se lle dedica o Día das Letras Galegas. Entre as pezas que os grupos elixiron para lembrar ao chairego con corazón marítimo sonaron 'Rosas' e 'A Saleta'

Hai máis maneiras de coñecer a Manuel María que abrindo os seus libros e deixando que as súas verbas, ás veces descoñecidas, sexan lidas. Hai outros xeitos de que sonen os seus poemas e a fundación que leva o seu nome trata de facelo todos os anos sobre as táboas do teatro Rosalía de Castro. Nesta ocasión, as creacións do poeta chairego sonaron con música pero con dous estilos moi diferentes: a clásica, da man do grupo Lembrando a Manuel María, e o rock, cos Diplomáticos de Monte Alto.

Noutras ocasións foron a maxia, o teatro, a guitarra e os cantos de berce os que deron vida, de novo, aos tesouros que gardan os volumes de Manuel María. Da voz da soprano Esperanza Mara Filgueira Rama, e co acompañamento de Miguel Vizoso ao piano e de Marina Abuín Salgado ao clarinete, reviviron pezas como Rosas, ou Saleta, ambos os dous recollidos no libro editado en 1984, A luz resucitada. A estes versos púxolles música Xosé Carlos Seráns. Esta gala, a diferencia doutras que se teñen celebrado para honrar a memoria do poeta, contou tamén coa proxección dun vídeo cun percorrido pola casa museo da man e da voz de Manuel María. Foi antes de que subisen ao escenario Os Diplomáticos de Monte Alto, que tamén musicaron un poema do veciño chairego. Aínda agardo a esperanza de percorrer unha por unha todas as parroquias de Galiza, cantaron. Uns versos publicados en 1982.

Esta homenaxe a Manuel María e, por extensión á súa parella, Saleta Goi, celébrase sempre coa chegada do outono, porque era unha estación que ao autor lle gustaba especialmente porque, como lembrou o presentador do acto, é símbolo "de que as colleitas están maduras" e hai bos froitos, pero de que vai pasando o tempo para as persoas tamén. Lúas de outono contou onte cun teatro Rosalía con case todas as súas butacas cheas para lembrar ao poeta, ao veciño, ao sabio, ao cliente do Kirs que tanto falaba.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Especial

La nueva estación promete tardes de cine, meriendas con amigos y mucha moda por estrenar

 

La presentación del coleccionable de LA OPINIÓN sobre los 110 años del Deportivo une en Riazor a la familia blanquiazul

 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine