José Carrillo Secretario xeral reelecto de UGT para a comarca da Coruña e Cee

"O desequilibrio entre traballadores e empresarios volveu a tempos da dictadura"

"A reforma laboral levou a que o emprego que se crea sexa tan precario" - "As empresas respectan agora menos as normas laborais"

24.09.2016 | 02:47
O secretario xeral comarcal de UGT, José Carrillo.

José Carrillo foi reelixido onte como secretario xeral de UGT para a comarca da Coruña e Cee, un posto que ocupa desde 1992. Durante este cuarto de século, di ter sido testemuña da progresiva precarización da clase traballadora, acelerada trala crise de 2008.

-Como cambiou a situación laboral dos traballadores desde os inicios dos 90 até hoxe?

-Tivemos distintas etapas. No 94 sufrimos unha reforma laboral que precarizou o mercado de traballo pero que coincidiu con tempos de crecemento económico. O grande cambio negativo que vivimos neste tempo foi a crise de 2008 e a última reforma laboral, que rompeu por completo o equilibrio entre traballadores e empresarios á hora de negociar. Nese sentido, volvemos aos tempos da dictadura.

-Está afectando esta precariedade á afiliación sindical?

-Cando comezou a crise foi algo que me preocupaba moito, pero levei unha sorpresa agradable ao ver que en sectores moi precarizados, como a limpeza, seguíanse elixindo delegados e a xente se afiliaba.

-A xente nova agora afíliase agora igual que hai 20 anos?

-Na época de crecemento económico a afiliación sempre é máis alta porque hai máis poder adquisitivo. As baixas que tivemos estes anos non foron por descontento co sindicato senón por problemas económicos. Os números agora son máis baixos por ese motivo, pero en sectores onde hai xente nova, como o telemarketing, a xente sindícase.

-Hai quen reprocha aos sindicalistas terse apoltronado nos seus cargos. Vostede que leva desde o 92 no posto, que opina destes comentarios?

-Hoxe en día iso está máis racionalizado. No último Congreso decididmos que, a partir de agora, houbese un límite de mandatos máximo de tres anos, aínda que non ten carácter retroactivo e por iso non me afecta agora. Eu levo moitos anos porque tiven sempre o consenso dos compañeiros, pero creo que a limitación de mandatos pode ter os seus puntos débiles. O mundo sindical non é igual que a política xa que aquí o traballo é de rúa, de estar pegado á xente. Se fas iso ben, non hai anquilosamento.

-Di o Goberno que se crea emprego. Está sendo así na Coruña e, sobretodo, de que tipo?

-O emprego que se crea é de mala calidade e moitos dos contratos dos que falan son realmente unha única persoa con cinco ou seis contratos. Os datos que hai que analizar son os de cotizacións á seguridade social. Si que é certo que no último ano baixou lixeiramente o paro, pero o emprego creado é totalmente precario. A nós vennos xente ao sindicato con contratos de dúas ou catro horas ou á que non se lles pagan días traballados. Coa crise, a competición obrigou ás empresas a caer nun cainismo que pagan os empregados, con salarios máis baixos e xornadas máis longas.

-É común falar nos últimos anos de traballadores pobres, xente que non sae da pobreza aínda tendo contrato. Percíbese?

-Si, por aquí vennos xente con 10 horas de traballo e soldos de 700 ou 800 euros ao mes. Hai xente coa que non se está a cumplir o convenio, que traballa horas extra que deberían estar remuneradas a 18 euros e se lles están pagando a sete. Hai unha fraude absoluta das normas por ese desequilibrio desfavorable para o traballador no que se afondou despois da crise de 2008. Hoxe as empresas teñen menos respecto polas normas laborais.

-É posible revertir isto ou a precariedade é unha penitencia necesaria para mellorar máis adiante?

-Para comezar, hai que suprimir a reforma laboral e acabar cos descontos ás empresas na cotización á Seguridade Social, que o único que fai é contribuír a baleiras a caixa das pensións. Con este tipo de medidas non se fomenta a contratación. O que as empresas precisan é axuda para a innovación e que teñan acceso a crédito barato, e nese terreo non se está a facer nada porque os intereses da banca son claros.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine