Episodios da cultura científica

O porto da Coruña, escenario da fuxida 'de película' do médico Antonio Baltar Domínguez

En decembro de 1936 marchou cara o exilio arxentino, onde realizou un relevante labor asistencial e cultural

02.10.2016 | 09:01
O porto da Coruña, escenario da fuxida 'de película' do médico Antonio Baltar Domínguez

Un día do mes de Nadal do tráxico ano de 1936 uns empregados da Cros, cos seus buzos de traballo e a cabeza e costas cubertas por esa peza de tea que se utilizaba para o transporte de vultos, avanzaban polas inmediacións do porto coruñés a xeito de cuadrilla de descarga. Ao chegar ás inmediacións de Aduanas (situada enfronte do Kiosko Alfonso), un deles, alto e con gafas, afastouse do grupo e entrou no edificio. Foise a un lugar apartado do local, quitou a roupa de traballo e deixou a descuberto o traxe e a garabata que levaba por debaixo. Dirixiuse cara unha muller nova, quen lle deu un abrigo e un enfundado paraugas, e pasaron polo control de pasaportes. Superado o trámite saíron pola porta de Aduanas que comunicaba coa zona marítima e subiron a un chinchorro, que os levaría ata o seu barco, La Reina del Pacífico. Xa na lanchiña o home volveuse caraun grupo de persoas que permanecían en terra e dirixiulles un enérxico corte de mangas. Carácter non lle faltaba a Antonio Baltar, que acompañado da súa parella, Mireya Dieste, e co espazo entre a funda e o paraugas cheo de libras esterlinas, fuxía da rabia asasina duns falanxistas cara o exilio arxentino.

A saga dos Baltar

A familia Baltar ten unha importante presenza na historia das Ciencias da Saúde en Galicia. Na Farmacia creada en Padrón por José Baltar Varela, que cumpre os douscentos anos o próximo 8 de outubro, exerceu Ángel Baltar Varela, da primeira promoción de licenciados en Farmacia (1862). O pai de Antonio, Ángel Baltar Cortés (1868-1934), foi un excelente cirurxián, director do Grande Hospital de Santiago, e que en 1908 creou na cidade compostelá co catedrático Manuel Varela Radío (1873-1962), o primeiro sanatorio fundamentalmente cirúrxico de Galicia. E un irmán, Ramón (1902-1981), tamén salientou como cirurxián e, asemade, exerceu a dirección do Sanatorio Baltar e do Grande Hospital.

O médico Antonio Baltar

Antonio Baltar Domínguez (Santiago de Compostela, 1906), Antón para a familia e amizades íntimas, iniciou estudos universitarios na Facultade de Medicina da súa cidade natal e os rematou en Madrid en 1929. Ata a volta a Santiago, a fins de 1931, completou a súa formación en diversas institucións, especializándose en Xinecoloxía e realizando unha visita de tres meses a diversos hospitais de París. Asemade, foi discípulo de Pío del Rio-Hortega, científico proposto dúas veces para o Premio Nóbel, membro salientable da sobranceira "escola histolóxica española".

A fins de 1931 volveu para Compostela, onde compatibilizou o labor no Sanatorio do pai coa docencia como profesor auxiliar de Histoloxía e Anatomía Patolóxica na Universidade. Grazas a el a Facultade de Medicina compostelá tivo o privilexio de que del Río Hortega, impartira un singular Curso de especialización en Histopatoloxía en Santiago. Cunha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios, en1934 Baltar foi seis meses a Alemaña, onde traballou con especialistas de primeiro nivel internacional (Robert Meyer, Walter Stoeckel e Otfrid Förster). En 1935 casou con Mireya, a quen coñecera en 1930 en Tanxil (Rianxo), e encetou o ano 1936 cunhas sólidas perspectivas profesionais e persoais.

Expulsión da universidade

O 18 de xullo de 1936 ese mundo de Antonio e de moitas outras persoas, ficou esnaquizado. El e o seu irmán Ramón foron suspendidos de emprego e soldo na Facultade de Medicina o 17 de agosto pola autoridade militar-gubernativa, por pensar diferente aos promotores do golpe de Estado, estar a prol do Réxime republicano e manter boas relacións cos sectores galeguistas. Asemade, a Comisión A (de depuración do profesorado universitario) abriulle expediente o 20 de xaneiro de 1937 e acordou a separación definitiva do servizo. Mais nesa data Baltar xa estaba fóra de Galicia. En setembro decidiu marchar ao exilio; Antonio e Mireya pensaron en dirixirse a Londres, onde ela se formara como magnífica pianista, mais optaron por atravesar o océano para chegar á capital uruguaia, lugar onde nacera Mireya, filla do galego Eduardo Dieste, coa idea de pasar desde alí á Arxentina.

Agachado na Cros

Fronte a persecución desencadeada polos franquistas Baltar tiña ao seu favor o pertencer a unha familia moi respectada e con boas relacións en Compostela, malia, por outra banda, non lle beneficiaba posuír un carácter que non encaixaba ben coa discreción que o momento parecía esixir. Nese sentido, é significativo un incidente acontecido cando indo de Vigo a Santiago en coche se atopou cunha manifestación que celebraba a toma dunha cidade importante polas tropas franquistas e cortaba o trafico na ponte de Caldas de Reis; Baltar atravesou a manifestación co seu coche, "rompeuna". Ao chegar a Santiago foi á Cafetería Derby, pola radio comunicaron a toma desa cidade; todos os presentes puxéronse de pé e cantaron o himno fascista Cara al Sol, agás el, que seguiu tomando o seu café. Iso precipitou as cousas, os falanxistas decidiron actuar; esa mesma noite o irmán Ramón recibiu unha chamada de teléfono comunicándolle que avisasen a Antonio, pois ían buscalo para "pasealo".

Quen deu o aviso foi nin máis nin menos que un alto dirixente falanxista, Carlos Colmeiro Laforet, dunha familia con varios integrantes identificados co extremismo de dereitas (un irmán, Ángel, presidiu o tribunal encargado da represión da masonería; unha irmá, María Laura, era secretaría da Sección Feminina da Falanxe xa desde antes do golpe de Estado). Colmeiro, xefe da Falanxe na provincia da Coruña desde novembro de 1936, ademais de fascista era un excelente médico (hai unha rúa en Vigo co seu nome) e coñecía a Antonio Baltar, con quen coincidira na Facultade de Medicina e compartía especialización en cirurxía e xinecoloxía.

A obrigada fuxida foi inmediata. Antonio marchou xunto a un íntimo amigo seu, José Gallego Asorey, un químico que deixara a docencia universitaria en 1930 para ingresar na empresa S. A. Cros como xefe de sección. Gallego, destinado nas instalacións no Burgo (nas inmediacións da Coruña), acolleuno e agachouno no chalé que ocupaba a dirección da empresa. Diversos falanxistas vixiaban a zona do porto coruñés de onde saían os barcos para o estranxeiro para evitar as fuxidas de republicanos. Algúns eran residentes en Santiago e tiñan como obxectivo, entre outros, a Antonio Baltar. Entre eles figuraban o procurador Solla (que asasinou a Camilo Díaz Baliño e a Anxel Casal), o taxista Adriano (El manivelas) e algún profesor da Facultade de Medicina. A eses dirixiu o noso protagonista o seu atrevido corte de mangas.

Refacer a vida

O efecto inmediato do exilio de Baltar foi a interrupción da súa carreira académica; así, en contraste coa situación dos compañeiros que, con maior ou menor identificación co franquismo, ficaron na Facultade de Medicina, el debeu afrontar o duro reto de reiniciar a vida profesional. Despois dunha corta estadía en Montevideo, o matrimonio Baltar-Dieste dirixiuse a Bos Aires, a onde chegaron o 31 de xaneiro de 1937. Alí Antonio afrontou a reválida obrigada para todos os médicos que quixeran exercer en Arxentina, que superou á primeira oportunidade. Asemade, en 1939 realizou no servizo de Patoloxía do Instituto Modelo da Clínica Médica do Hospital Rawson a tese de doutoramento: "Las lesiones vasculares en la úlcera de estómago". Legalizada a súa situación, fundou un sanatorio en Avellaneda, onde Baltar exerceu como cirurxián e xinecólogo, co tamén galego e exiliado Gumersindo Sánchez Guisande, catedrático de Anatomía na Facultade de Medicina de Zaragoza; asemade, como Xefe de Servizo organizou o Laboratorio de Anatomía Patolóxica do Centro Galego de Bos Aires.

Médico dos mineiros

Superadas as dificultades iniciais, Antón Baltar gozaba na capital arxentina, cidade de intensa vida social e cultural, dunha interesante e ben remuneradaactividade profesional; mais en 1947 a súa inquedanza persoal e sensibilidade social puxeron en cuestión esa prácida situación.

Ese ano asistiu á inauguración dun hospital en Patagonia, concretamente en Chos Malal, lugar illado situado ao norte da provincia de Neuquén, no pé dos Andes. Un centro sanitario que debería atender aos mineiros que xeralmente procedían de Chile, ilegais. O alcalde faloulle de que o establecemento só contaba cun médico xeral e Antonio Baltar, conmovido pola situación daquela xente, decidiu deixar o confort de Bos Aires e ir a traballar como director no hospital durante case cinco anos, nos que fixo de todo. En febreiro de 1951 acudiron alí Luis e Maruxa Seoane, a visitar ao matrimonio Baltar-Dieste; Seoane, que pintaría uns fermosos cadros no lugar, puido observar en directo o labor do amigo e diso lle falou a Carlos Maside nunha carta escrita o 15 de xuño dese ano: "Coido que alí tiven conciencia plena de todo o que é un home. Antonio Baltar é nese ambiente un heroi como non se pode ter idea en Europa".

A experiencia de Chos Malal deixou unha fonda pegada en Baltar, a vivencia da precariedade na que transcurría a vida dos seus habitantes levoulle a reorientar o seu labor profesional, que dirixíu cara a medicina social, traballando para o Ministerio de Salud Pública endiversas provincias.

Dúas visitas a Galicia

O impacto da estadía na contorna mineira tamén lle afectou na forma de analisar o funcionamento da sociedade, intensificando a súa preocupación polas persoas máis desfavorecidas, algo que se plasmaría nos novos proxectos e iniciativas que emprendeu. Así, en xuño de 1956 fundou, xunto con outros emigrados e exiliados galegos, a Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas (Aguea). A entidade, da que foi presidente, pretendía contribuír ao futuro de Galicia desde unha posición que, fronte á visión exclusivamente "humanística" e introspectiva da cultura (exemplificada na especial atención que nese tempo algúns intelectuais prestaban á saudade), situaba á ciencia e á economía como elementos claves da acción cultural e coidaba prioritaria a atención ás condicións materiais do pobo galego.

Baltar realizou dúas visitas ao país. En 1957 viaxou por Europa, como funcionario do Ministerio de Salud Pública arxentino, mais aproveitou para traer a Galicia o encargo da Aguea de poñer en marcha un proxecto que, como continuador do Seminario de Estudos Galegos, se dedicase á investigación socio-económica. As súas xestións non foron ben acollidas polos intelectuais do interior, que desconfiaban da ideoloxía de esquerdas que coidaban observar en Baltar e os seus amigos no exilio. En 1967 realizou a segunda viaxe. Representando a Arxentina na 18ª Asemblea Mundial da Saúde, en Xenebra, visitou organismos sanitarios e a servizos centrais do seguro de enfermidade en España.

Desa derradeira visita é a foto na que se lle ve na barandilla pétrea exterior da casa familiar de Tanxil. Coa ollada cara a ría de Arousa, moitas lembranzas lle virían á cabeza, probablemente a vida que puido ter e que, mágoa para el e para anosa sociedade, non foi. As autoridades franquistas non lle permitiron residir en Galicia e morreu en Bos Aires en 1970. Nese momento Mireya marchou cara o seu Uruguai natal e pouco despois para Rianxo; en 1986 estableceuse na Coruña, cidade na que finou en xaneiro de 2015. Na mesiña do seu dormitorio conservou sempre a foto que Antonio lle dedicou pouco antes de casar, que tiña escrito por detrás: "Ao meu amor Mireya Magdalena Dieste, agardando a chegada do noso día. Antonio. 4-XI-1934"(orixinal en galego).

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine